Bengala Teatro leva a Lugo a súa nova obra ‘Alicia wants to’ este xoves

LugoXa
A obra, dirixida por An González, representarase o 23 de abril ás 20.30 horas no Auditorio Gustavo Freire
Alicia-Wants-To-Bengala-Teatro
22 Apr 2026

Bengala Compañía de Teatro Físico estrea ‘Alicia wants to’, este xoves, 23 de abril, ás 20.30 horas no Auditorio Gustavo Freire. A proposta chega como unha nova aposta da formación lucense pola creación contemporánea e a expresión corporal como eixo narrativo.

A dirección e dramaturxia da peza corren a cargo de An González, mentres que o deseño de iluminación está asinado por Jorge Castro e a fotografía é obra de Laura Pose. Sobre o escenario darán vida á montaxe as intérpretes Andrea Maseda, Estrella Tomé, Estela del Río e Alexia Villar.

A programación inclúe tamén unha función matinal dirixida a institutos e asociacións, acompañada dun coloquio posterior co obxectivo de xerar un espazo de reflexión co público máis novo. A compañía destaca a importancia desta mediación, que permite abordar emocións e pensamentos xurdidos durante a representación, especialmente no contexto dun teatro físico e social como o que desenvolven.

A sesión da tarde-noite será o punto culminante da xornada e terá un carácter especialmente emotivo para a formación, que xoga na casa ante o público lucense. Desde a compañía subliñan que se trata dunha cita moi significativa, tanto pola presenza de persoas achegadas como polo feito de presentar o seu traballo na cidade na que desenvolven a súa actividade, nunha función que prevén intensa e cargada de emoción.

Andrea Maseda sinala que “a nosa idea de seguir xirando con Alicia durante todo este ano e o vindeiro, xa que está tendo moi boa acollida por parte do público, e iso é algo que nos reconforta moito”. A intérprete explica que “un pouco a misión do noso teatro sempre é trasladar unha pregunta, transmitir emocións, que o espectador viva unha viaxe, facer un teatro que atravesa, que envolve”.

E engade que “non queremos que estea dirixido só a un público concreto, senón tocar un amplo abano, porque cremos que para iso están as artes, para chegar ás persoas e contar as cousas dun xeito diferente”. Nesa liña, subliña que “queremos recuperar que a xente nova volva tamén ao teatro”.

A obra 'Alicia Wants To' representarase en galego cunha proposta que combina o realismo máxico coa dureza social para mergullarse na vida dunha moza marcada pola vulnerabilidade. A peza relata a historia de Alicia, unha adolescente que atravesa problemas de drogadicción e que podería estar a sufrir unha situación de abuso, nun contexto persoal e social especialmente complexo.

SINOPSE

A acción arrinca no momento en que a protagonista abandona un centro de menores e volve atoparse coa súa nai, Juana. Nai e filla forman parte desa periferia social que loita por saír adiante nun entorno atravesado pola exclusión, a precariedade económica, os abusos e un sistema xudicial que non ofrece as mesmas garantías a todas as persoas. Ambas representan esa realidade situada na fronteira, no límite, onde a supervivencia convértese nun reto diario.

A estrutura dramática constrúese arredor dunha partida de xadrez que serve como metáfora do conflito vital. O público non é un mero espectador, senón que participa activamente escollendo algunhas das decisións que debe tomar Alicia, condicionando así o desenvolvemento e o desenlace da función.

A dramaturxia bebe de referencias recoñecibles como Alicia no país das marabillas e da película Mommy, dirixida por Xavier Dolan, aínda que o fai desde unha reinterpretación libre que adapta eses ecos culturais a unha realidade contemporánea marcada pola desigualdade e a procura de identidade.

0.12103796005249