Besteiro estreou o novo Alvia entre Lugo e Madrid, que reduce o tempo de viaxe e reforza as conexións ferroviarias

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estreou o novo servizo Alvia que une Lugo con Madrid, nun traxecto que permite saír da capital lucense ás 5:18 horas e chegar á capital estatal antes das 10:30 horas.
No viaxe inaugural tamén participaron o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira Ana Fernández. O tren realizou paradas en Sarria, Monforte e Ourense antes de chegar á estación da Gudiña-Porta de Galicia, onde o propio Besteiro mantivo un encontro con diferentes representantes institucionais e cargos socialistas para avaliar a posta en marcha desta conexión.
O dirixente socialista cualificou a xornada como “un día especial para a comunicación por ferrocarril coa capital de España” e asegurou que a nova frecuencia responde a un compromiso adquirido polos socialistas co Ministerio para recuperar unha conexión considerada clave para a provincia de Lugo.
Besteiro destacou que o novo servizo permite facer xestións en Madrid e regresar no mesmo día, ao tempo que subliñou que a oferta ferroviaria queda reforzada con catro trens diarios con destino á capital estatal, combinando servizos Alvia e Avlo, con saídas desde primeiras horas da mañá ata a tarde.
O líder do PSdeG tamén puxo en valor as tarifas, que oscilan desde os 16,90 euros no caso do Alvia ata os 29 euros na alta velocidade, e enmarcou a mellora no investimento do Goberno de Pedro Sánchez nas conexións ferroviarias galegas, que cifrou en máis de 650 millóns de euros nos últimos anos na liña Lugo-Ourense.
En paralelo, criticou a xestión do anterior Goberno central do Partido Popular, ao que responsabilizou de tempos de viaxe superiores e de peores frecuencias, e insistiu en que a nova conexión recupera un servizo perdido.
Besteiro tamén reclamou á Xunta de Galicia melloras no transporte por estrada para garantir conexións axeitadas coas estacións ferroviarias, especialmente coa da Gudiña-Porta de Galicia, que considera chamada a ser un nodo de referencia para amplas zonas de Galicia e mesmo do norte de Portugal.
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, cualificou a posta en marcha do servizo como unha “reivindicación moi necesaria” e destacou que a súa activación demostra “como teñen palabra os socialistas”, ao tempo que avanzou que as melloras ferroviarias continuarán coa próxima posta en funcionamento da estación intermodal de Lugo.
O alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, tamén valorou positivamente a nova configuración dos horarios e sumouse á petición de reforzar as conexións por autobús para acompañar a nova oferta ferroviaria.