Borja Porto, de Arte Lucus: “Gustaríame pintar muros danados para embelecer Lugo”

LugoXa
Borja Porto, promotor do proxecto artístico Arte Lucus, que busca transmitir con obras pintadas de forma libre e coa convicción de que unha cidade máis bela é posible
Borja-Arte-Lucus
9 Aug 2026

Jessica Fernández

Como xorde esa vocación artística?

Cando tiña 12 anos, máis ou menos, empecei a interesarme polo grafiti, que antes eran só as letras. Comezamos todos asinando por aí. Despois fun facendo as miñas letras en muros, pero máis traballadas, ata que hai dous anos quixen probar o figurativo, máis debuxos. Viñamos da asociación de arte urbana Outro Prisma, na que estabamos varios rapaces que nos dedicabamos a facer grafiti para apoiarnos neste camiño. Estabamos Diego AS, Mosca, Rubén Paz, Nesui… e foi unha etapa moi boa, porque había bastante irmandade entre todos, pero disolveuse porque cada un quixemos levar a cabo o noso proxecto persoal individual, xa que cada un tiña unha visión distinta da arte. Así, hai dous anos puxen en marcha Arte Lucus.

Vai na evolución do artista pasar dos grafitis nos que se asina aos grandes murais que o caracterizan, non?

Para min, grafiti son só letras. Así comezamos. Pero agora, o que fago nas rúas son murais na parede con pintura acrílica, utilizando o rodete ou a brocha. Non uso demasiado o spray nos meus murais, só para dar algún toque, suavizar as liñas das figuras e darlles o meu toque “sucio”, que forma parte do meu estilo. A miña maneira de proceder tanto coas letras como co figurativo é a mesma. Eu fago o debuxo ben, limpo, con unhas liñas suaves e, ao rematar todo, collo unha brocha e empezo a ensuciar un pouco. Non chega ao abstracto, pero gústame que queden así, coa parede manchada.

Que tipo de obras ten por Lugo?

Teño arredor de 10 murais pintados en distintos puntos da cidade de Lugo e os motivos que pinto son moi diferentes entre si. Realmente, depende do que sinto, xa que intento que transmitan, porque o que penso faime sentir algo a min e quero facérllelo chegar ao público. Por exemplo, pintei a José Mujica no comezo do paseo do río Rato, no Sagrado Corazón, cando estaba a piques de falecer. E ese home é un referente a nivel de valores, por iso decidín facerlle unha homenaxe. Para min, é un luxo poder pintar o que quero, xa que non me financia nin o sector privado nin o público.

Ademais de murais, desenvolve a arte noutras vertentes?

Agora mesmo, deixei de pintar murais, porque estou recentemente operado do ombreiro, pero a miña vea artística non descansa, así que me puxen a pintar lenzos por primeira vez na miña vida, e gústame bastante. Así, gustaríame organizar, dentro duns meses, unha exposición para que a xente poida ver o meu traballo. Non quero conseguir ningún beneficio económico, senón mostrar un pouco o que fago.

Considera que esta maneira de facer arte contribúe dalgún xeito á sociedade?

A min gustaríame que á xente lle gustase máis o que pode ver polas rúas do que había antes. Hai moitos muros destrozados polo paso do tempo, a humidade, por pintadas de grafitis meus de hai 20 anos… que non daban boa imaxe á cidade. E segue habendo moitos que o Concello de Lugo podería ceder para facer cousas chulas e melloralos, embelecendo así a imaxe de Lugo. Deste xeito, teriamos unha cidade bastante máis chula da que temos e evitariamos feísmos. Gustaríame poder pintar paredes que levan anos sen tocarse.

Ese é o seu plan de futuro?

Si, espero estar de volta pintando murais nun par de meses, así que xa se me volverá ver por aí, porque onde máis me gusta pintar é na rúa, onde a xente o vexa e poida recoñecer o que eu pinto, que é completamente libre. Por iso, teño a posibilidade de facer algo que faga sentir aos demais.

0.12701892852783