Bustos acusa ao Candia de intentar apropiarse do traballo dos socialistas en optar á declaración de ARI

O exconcelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, reivindicou hoxe o traballo desenvolvido polo anterior Goberno local para facer posible a candidatura de Lugo á nova convocatoria das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), despois das declaracións realizadas polo actual Executivo municipal atribuíndose a elaboración da documentación presentada.
Para Bustos, as afirmacións realizadas polo Goberno local constitúen “un intento obsceno de apropiarse do traballo alleo” e deixan en evidencia tanto ao responsable da área como ao conxunto do Executivo.
“Pensar que a cidadanía vai crer que toda a documentación técnica esixida para concorrer a unha convocatoria destas características foi elaborada en pouco máis dun mes, sen licitación, sen contratación externa e sen ningún procedemento administrativo previo é simplemente faltar á verdade”, afirmou.
O exresponsable de Urbanismo lembrou que o expediente presentado é o resultado de meses de traballo técnico e administrativo desenvolvidos durante o anterior mandato, cando el mesmo dirixía a área e Miguel Fernández ocupaba a Alcaldía.
“Estamos a falar dun proceso extremadamente complexo que require estudos urbanísticos, análises edificatorias, delimitacións cartográficas, memoria socioeconómica, programación de actuacións, estimacións orzamentarias e abundante documentación técnica. Nada diso se improvisa nin aparece de forma espontánea dun día para outro”, explicou.
Bustos detallou que o material técnico requirido foi elaborado polo estudo GAO Arquitectura, adxudicatario do correspondente contrato promovido polo anterior Goberno municipal, nun traballo que definiu como “minucioso, rigoroso e coral”, no que tamén participaron activamente distintos servizos técnicos municipais, como arquitectura, para adaptalo a convocatoria actual.
“O documento que hoxe presenta o Goberno local é o resultado dun contrato impulsado polo anterior Executivo e do esforzo coordinado de profesionais externos e empregados públicos municipais. Pretender apropiarse agora dese traballo é unha falta de respecto tanto aos autores do proxecto como aos técnicos que participaron na súa elaboración”, asegurou.
Ademais, explicou que o anterior Goberno xa deixara encamiñada a interlocución institucional necesaria para defender a candidatura de Lugo ante as administracións competentes. Neste sentido, lembrou que estaban previstas varias reunións de traballo con responsables do Ministerio de Vivenda, entre elas un encontro co secretario de Estado, para abordar o desenvolvemento desta convocatoria e as possibilidades de financiamento para a cidade, e que ian dar continuidad as mantidas polo entonces alcalde Miguel Fernández e Hipólito Pérez como Director Xeral de Urbanismo.
“O noso Goberno non só deixou preparado o expediente técnico. Tamén deixou avanzado o traballo político e institucional necesario para garantir que Lugo estivese en condicións de competir polos fondos de rehabilitación”, sinalou.
Bustos lembrou que estes programas están financiados polo Estado, aínda que a súa distribución e xestión se canaliza a través das comunidades autónomas, e aproveitou para denunciar a actuación da Xunta de Galicia na anterior convocatoria.
“Resulta incomprensible que a Xunta deixase sen executar máis de 800 millóns de euros destinados á rehabilitación e que nin sequera chegase a convocar unha segunda fase dos programas coñecidos daquela como ERRP. Estamos a falar dunha oportunidade histórica perdida para milleiros de familias e para numerosos concellos galegos”, afirmou.
Para concluír, o exconcelleiro asegurou que “o importante é que Lugo poida beneficiarse destes recursos”, pero advertiu que “a xestión pública tamén esixe honestidade e rigor”.
“Os proxectos teñen unha tramitación, os expedientes teñen autores e o traballo técnico merece respecto. O que non pode facer un Goberno é atoparse unha candidatura practicamente rematada, presentada grazas ao traballo do mandato anterior, e intentar vendela como un logro propio. Iso non é xestión; é propaganda”, concluíu.
O PP responde que os socialistas non chegaron a solicitar ningunha axuda nin a iniciar o trámite
Os populares sinalan que a declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos barrios da Milagrosa e Feijoo foi anunciada en numerosas ocasións polos anteriores responsables municipais, pero que nunca chegou a completarse a súa tramitación. Neste sentido, explican que o acordo aprobado recentemente pola Xunta de Goberno Local supón precisamente o paso que quedara pendente para iniciar formalmente o procedemento e facer posible esta actuación.
“O importante non é quen fala do proxecto nunha rolda de prensa, senón quen realiza o traballo necesario para que as axudas poidan chegar aos veciños e veciñas”, indican desde o PP, que consideran que a cidadanía leva demasiado tempo escoitando promesas sen que se materialicen en feitos.
Desde o Goberno local consideran difícil comprender a reacción do PSOE ante os avances realizados nas últimas semanas. “Resulta sorprendente que se critique a un Executivo que, en pouco máis dun mes, está a impulsar actuacións que eles non foron capaces de tramitar en case tres décadas”, afirman.
Os populares engaden que as declaracións dos socialistas transmiten a sensación de incomodidade porque se estean dando pasos reais para converter en realidade unha iniciativa que durante anos quedou limitada a anuncios. Ademais, consideran especialmente preocupante que, ao cuestionar o traballo realizado, tamén se estea poñendo en dúbida o labor dos técnicos e funcionarios municipais que participaron na elaboración e tramitación do expediente.
Por último, o PP entende que o PSOE debería ofrecer explicacións á cidadanía sobre os motivos polos que unha actuación que consideran prioritaria permaneceu sen tramitar durante tantos anos. “Máis que criticar o traballo que se está facendo agora, deberían pedir desculpas aos lucenses por décadas de promesas incumpridas e explicar por que este proxecto seguía sen avanzar despois de 27 anos de goberno municipal”, conclúen.