Caen anacos da cornixa dun edificio en ruínas na Praciña da Universidade de Lugo

A caída de fragmentos da cornixa dun edificio en ruínas na Praciña da Universidade de Lugo volve poñer o foco no estado de conservación deste inmoble. A Asociación de Veciños Centro de Lugo denuncia que os anacos se desprenderon directamente á rúa e reclama unha solución definitiva para evitar novos incidentes.
A entidade veciñal asegura que leva anos advertindo do deterioro do edificio. Segundo lembra, xa alertara do risco de incendio cando había persoas ocupando o inmoble e facían lume no seu interior, un perigo que, afirma, acabou materializándose. O pasado mes de xullo tamén comunicou ao Concello a súa preocupación ante os signos que podían apuntar a novos desprendementos ou a un posible derrubo.
A asociación explica que, tras solicitar unha revisión do estado do inmoble, o Concello lle respondeu ese mesmo mes que os técnicos municipais realizaran unha inspección e concluíran que non existía ningún risco.
O colectivo sinala que mantivo varias reunións co Concello para abordar a situación, tanto pola responsabilidade municipal na protección da seguridade pública como polo feito de que a Administración local é propietaria dun piso no propio edificio.
Ademais, a asociación asegura que trasladou o problema á Xunta de Galicia e solicitou que o inmoble fose incluído no programa Rexurbe. Tamén contactou co resto de propietarios para coñecer con maior precisión a situación da propiedade.
Ante a caída dos fragmentos da cornixa, a Asociación de Veciños Centro insiste na necesidade de adoptar medidas que resolvan definitivamente o problema e eviten novos desprendementos sobre a vía pública.