CALLEIRA reúne aos seus paticipantes en Outeiro de Rei para tratar sobre a contribución feminina á cultura láctea

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
O proxecto, impulsado pola USC e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa colaboración de catro empresas da provincia
reunion-calleira-outeiro-de-rei
27 Nov 2026

O proxecto CALLEIRA (Cadea Luguesa do Leite e Informacións Rurais Adxacentes) reuniu hoxe os seus impulsores para avanzar na recuperación dos coñecementos tradicionais das mulleres rurais sobre a transformación do leite e poñer en valor a súa contribución á economía e á identidade do territorio lucense.

A iniciativa está impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), desde o Campus de Lugo, e conta co financiamento da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Tamén participan catro empresas da provincia lideradas por mulleres: Airas Moniz, de Chantada; Bisqato, de Guitiriz; Granxa A Cernada-Sen Máis, de Palas de Rei, e Quintián, do Páramo.

O traballo pretende recuperar e documentar uns saberes que durante xeracións se transmitiron de nais a fillas e entre veciñas, relacionados co coidado dos animais, o muxido, a conservación e a transformación do leite. A investigación busca tamén reconstruír as redes de colaboración e intercambio que as mulleres teceron arredor das feiras, os mercados e a vida cotiá no rural, e que tiveron un papel fundamental no sostemento das economías familiares.

O equipo investigador está coordinado por Elena Freire Paz, profesora de Antropoloxía Social da USC, e conta coa participación de Borja Rivero Jiménez, Marta Veiga Izaguirre e Tamara Rubiños Varela. O proxecto inclúe traballo de campo, obradoiros de técnica etnográfica e encontros coas responsables das empresas e coas mulleres que conservan estes coñecementos. Ata o momento, rexistráronse conversas con arredor dunha ducia de mulleres de distintos puntos da provincia.

As catro empresas colaboradoras están representadas por Ana Corredoira, de A Cernada; Ana Vázquez, de Airas Moniz; Chelo López, de Quintián, e María Veiga, de Bisqato. A súa participación permitirá conectar a memoria das xeracións anteriores coas actuais formas de elaboración artesanal e explorar novas posibilidades para diferenciar e reforzar a identidade dos produtos lácteos lucenses.

CALLEIRA terá unha duración de 24 meses e desenvolverase ata o 31 de decembro de 2027. A iniciativa pretende que os coñecementos recuperados contribúan tanto á preservación do patrimonio cultural como á innovación e á creación de valor no sector lácteo da provincia.

0.17622494697571