Calleira reúne en Outeiro de Rei tres xeracións de mulleres arredor da memoria queixeira

O Museo Parladoiro de Outeiro de Rei acollerá o vindeiro xoves, 26 de novembro, ás 17:30 horas, un encontro interxeracional de mestras queixeiras das comarcas de Lugo, no marco do proxecto de investigación Calleira (Cadea Luguesa do Leite e Informacións Rurais Adxacentes).
A xornada reunirá as catro empresas do sector lácteo que participan na iniciativa, Airas Moniz, Bisqato, A Cernada-Sen Máis e Quintián, xunto con mulleres informantes procedentes de distintos puntos da provincia e pertencentes a tres xeracións diferentes. Todas elas están a contribuír á investigación achegando as súas memorias, coñecementos e experiencias sobre a cultura queixeira lucense.
O proxecto está liderado desde o Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e no encontro tamén participarán integrantes do equipo investigador, a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC e unha representación da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entidade que financia a iniciativa a través da súa área de Medio Rural, Mar e Mocidade.
O encontro pretende converterse nun espazo para compartir experiencias e favorecer o diálogo entre xeracións, poñendo en valor os coñecementos e as vivencias das mulleres que contribuíron ao desenvolvemento e á conservación da tradición queixeira na provincia.
A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.
A cita terá lugar o xoves 26 de novembro, ás 17:30 horas, no Museo Parladoiro de Outeiro de Rei, e estará aberta ao público.