Cántigas e Frores celebrará a gala do Premio á Cultura Tradicional 2026 dedicada ao Museo do Pobo Galego

LugoXa
O acto terá lugar no Auditorio Fuxan os Ventos e conmemorará o 50 aniversario da institución cultural
Gala-Premio-á-Cultura-Tradicional-Cántigas-e-Frores-Lugo
Actualizada el 26 febrero 2026, 07:03 horas
25 Feb 2026

A asociación cultural Cántigas e Frores celebrará un ano máis a Gala de Entrega do Premio Cántigas e Frores á Cultura Tradicional 2026, unha cita xa asentada no calendario cultural da cidade de Lugo que terá como escenario o Auditorio Fuxan os Ventos.

A gala, creada en 2025 por iniciativa da nova directiva da asociación, que leva pouco máis dun ano en funcionamento, naceu coa intención de reforzar e dar maior relevancia a un premio que xa se viña concedendo desde anos atrás a persoas e institucións destacadas polo seu labor de estudo, coidado, posta en valor e difusión da cultura tradicional galega.

Na pasada edición, o recoñecemento recaeu no grupo de cantareiras Leilía, nun contexto marcado pola decisión da Real Academia Galega de homenaxear ás mulleres que conservaron o legado da música tradicional galega e pola despedida da traxectoria conxunta das integrantes da formación.

Nesta ocasión, o evento xirará arredor do Museo do Pobo Galego, coincidindo coa conmemoración do seu 50 aniversario, nun recoñecemento á súa ampla traxectoria na defensa e promoción do patrimonio galego.

O público poderá realizar unha viaxe dinámica polos espazos máis representativos da súa sede, o antigo Convento de Santo Domingo de Bonaval, fundado no século XIII en Santiago de Compostela. Ao longo da gala interpretaranse pezas musicais e de baile vinculadas directamente coas distintas salas polas que avanzará ese percorrido simbólico.

A entidade museística, considerada unha peza fundamental na conservación, investigación e divulgación da cultura tradicional, será a gran protagonista dunha gala que pretende salientar o seu labor continuado desde a súa creación. Ao longo de cinco décadas, o museo desenvolveu un intenso traballo na protección e difusión do patrimonio material e inmaterial de Galicia, superando distintas etapas e mantendo sempre un papel destacado no ámbito cultural.

O presidente da asociación, Anxo, avanzou que esta edición contará cun formato diferente ao habitual. Segundo explicou, “vai ser un evento diferente do que adoitamos facer normalmente”, deixando entrever cambios na estrutura e no desenvolvemento do acto respecto a convocatorias anteriores.

O acto contará coa presenza de integrantes do actual padroado do museo, que serán os encargados de recoller o galardón, e incluirá tamén outras sorpresas que a organización prefire manter en reserva. Desde Cántigas e Frores animan á veciñanza lucense a asistir e gozar dun espectáculo que promete combinar tradición, emoción e recoñecemento á cultura do país.

0.12377214431763