Cántigas e Frores organiza un obradoiro de confección de dengues tradicionais

A Asociación Cultural Cántigas e Frores organiza o derradeiro obradoiro do programa De Alfaiates e Costureiras 25-26, centrado nesta ocasión na confección de dengues tradicionais, que será impartido por Ana Nogareda Mato.
A actividade desenvolverase en catro encontros que terán lugar os sábados 2, 16 e 30 de maio e o 13 de xuño, en xornadas de mañá e tarde. Ademais, o 23 de abril celebrarase unha reunión preparatoria co coordinador Antón Méndez Gándara, na que se informará ás persoas participantes sobre os modelos que se poden elaborar, os tecidos, as cores e a cantidade de material necesario.
O prazo de inscrición estará aberto ata o luns 20 de abril, ou ata completar as prazas dispoñibles. As persoas interesadas poden acceder ao formulario a través das redes sociais da asociación ou solicitalo mediante mensaxe privada.
O prezo do obradoiro será de 75 euros para as persoas socias da entidade e de 85 euros para as non socias. As prazas asignaranse por orde de inscrición e comunicaranse por correo electrónico, tendo prioridade as persoas asociadas.