Casa de Naia celebrará tres días de festa na honra de Santa María

Casa de Naia, en Antas de Ulla, celebrará os días 14, 15 e 16 de agosto as súas festas na honra de Santa María cun programa que combinará tradición, música e actividades para todas as idades. O Concello de Antas de Ulla anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nestas tres xornadas festivas, pensadas para favorecer o encontro e a convivencia.
A programación arrancará o venres 14 de agosto ás 22.00 horas cunha paellada popular. Os tickets teñen un prezo de 10 euros e as reservas poderán realizarse ata o 10 de agosto. A continuación celebrarase unha verbena amenizada pola Charanga Eravista e a Discómobil Eravista.
O sábado 15 de agosto comezará coa misa solemne ás 13.00 horas. A continuación terá lugar a sesión vermú coa Banda de Música de Antas de Ulla e o Grupo Jaque. Pola noite, a festa continuará cunha gran verbena a cargo do Grupo Jaque e DJ Davizillas.
As celebracións rematarán o domingo 16 de agosto cunha nova misa solemne ás 13.00 horas. A sesión vermú e o tardeo estarán amenizados polo Grupo La Fábula, que actuará tamén a partir das 18.30 horas. Ademais, os máis pequenos poderán gozar de inchables gratuítos entre as 18.30 e as 20.00 horas.
Desde o Concello destacan que estas festas supoñen unha oportunidade para compartir momentos en familia, reencontrarse coa veciñanza e manter vivas as tradicións populares nun ambiente festivo e participativo.