Castro de Rei acolle este venres o espectáculo infantil 'A boneca de trapo'

LugoXa | TerraChaXa
A proposta conta a historia de Mara e da súa avoa Lola, que pasan moito tempo xuntas compartindo a súa afección pola lectura, a escritura e os relatos
a-boneca-de-trapo-castro
19 Nov 2026

A Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea acollerá este venres, 20 de novembro, ás 17.00 horas, o espectáculo de contos A boneca de trapo, unha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos que busca fomentar a imaxinación, a aprendizaxe e a reflexión a través da narración oral.

A proposta conta a historia de Mara e da súa avoa Lola, que pasan moito tempo xuntas compartindo a súa afección pola lectura, a escritura e os relatos. Un día, Mara recibe como agasallo unha boneca de trapo que se converte no seu xoguete favorito e sobre a que comeza a preguntarse quen podería ser.

A través das conversas coa súa avoa, a protagonista descobre as historias doutras mulleres que cambiaron o curso da historia. Estes relatos fan que Mara transforme a súa maneira de ver o mundo e tamén a visión que ten sobre o futuro da súa boneca e sobre si mesma.

O espectáculo ten unha duración aproximada de 40 minutos e combina narración, imaxinación e aprendizaxe nunha proposta pensada para o público infantil.

A actividade será de balde e está organizada coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Cultura, e do Concello de Castro de Rei.

0.16396903991699