Castro de Rei recibe unha subvención para a mellora da mobilidade e a reciclaxe no centro histórico

LugoXa | TerraChaXa
Ademais, crearase un itinerario peonil que atravese a Praza Maior, coa colocación de dous aparcadoiros de bicicletas na Praza Maior e na rúa Amigos da Feira
centro-historico-castro-de-rei
1 May 2026

A Xunta de Galicia, a través de Agader concedeu ao Concello de Castro de Rei unha subvención do 100 %, para un proxecto de Mellora da Accesibilidade, Mobilidade, Sinalización e Reciclaxe de Residuos no Conxunto Histórico de Castro de Rei.

A actuación que conta con un orzamento de 152.629,40 euros e que resultou beneficiada co 100% do importe subvencionado, cun máximo de 100.000 euros, está destinada a mellorar as beirarrúas e accesibilidade na Praza Maior por ambas marxes ata a rúa Poeta Crecente Vega na Ponte sobre o río Azúmara. Tamén engade os accesos á Praza da Igrexa e rúa Amigos da Feira, na que se inclúe a renovación do firme ata o tramo da Antiga Feira.

Na actuación tamén se mellorará a sinalización horizontal e vertical, cambiando sentidos de circulación de vehículos e favorecendo o tránsito peonil.

Ademais, crearase un itinerario peonil que atravese a Praza Maior, coa colocación de dous aparcadoiros de bicicletas na Praza Maior e na rúa Amigos da Feira, renovando a instalación do alumeado público, reorganizando os puntos de recollida de lixo e creando unha zona axardinada na rúa Amigos da Feira.

A mellora de beirarrúas contempla a adaptación das mesmas á normativa vixente de accesibilidade, incrementando a súa anchura nos puntos onde sexa posible, creando vados peonís e itinerarios continuos que permitan desprazarse polo núcleo.

A sinalización horizontal e vertical da zona de obras será mellorada mediante a colocación de novos elementos que regulen o tráfico de vehículos nunha dirección e limiten a velocidade de circulación para favorecer o calmado do tráfico. Igualmente pintaranse e sinalizaranse novos pasos de peóns que permitan a circulación peonil pola Plaza Maior e o acceso á zona de árbores e á Casa Consistorial.

Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical da praza de aparcadoiros reservada a persoas con mobilidade reducida.

En materia de recollida de residuos preténdese establecer un único punto de recollida de lixo na contorna da Praza Maior, situado na marxe dereita integrado no entorno e que reduza o impacto visual.

Dende o Concello valoran moi positivamente esta actuación, "que permitirá rematar a renovación do tramo urbano iniciada en anos anteriores, acondicionando a parte do Conxunto Histórico".

0.11849188804626