Castro de Rei renova 59 puntos de luz con tecnoloxía LED en Ponte de Outeiro e Bazar

LugoXa | TerraChaXa
A actuación supón un investimento de 26.000 euros, financiado en gran parte cunha achega de 24.704,09 euros do Fondo de Compensación Ambiental, e permite mellorar o alumeado en varios núcleos destas parroquias
rua-Castro-de-Rei-luminarias-renovacion
9 Oct 2026

A rede de iluminación pública de Ponte de Outeiro e Bazar conta con novos puntos de luz LED tras unha intervención impulsada polo Concello de Castro de Rei, que destinou 26.000 euros a modernizar o servizo nestas dúas parroquias.

Os traballos incluíron a substitución de 22 luminarias de sodio de 150 vatios por outras LED de 60 vatios en Ponte de Outeiro, así como a instalación de oito novos puntos de luz. En Bazar renováronse outras 29 luminarias, tamén de sodio de 150 vatios, que foron substituídas por modelos LED de 60 vatios.

As actuacións en Ponte de Outeiro concentráronse no barrio da Ponte, nas inmediacións da estrada autonómica LU-120. Pola súa banda, en Bazar os traballos realizáronse na estrada do barrio de Veiga da Acea e nos arredores da igrexa parroquial.

O proxecto contou cunha achega de 24.704,09 euros procedente do Fondo de Compensación Ambiental. O Concello valora esta colaboración como unha oportunidade para actualizar a infraestrutura existente e avanza que nos próximos exercicios continuará ampliando a rede de alumeado público en distintos puntos do municipio.

0.15636706352234