Castroverde celebrará a súa festa de Entroido o 2 de marzo
LugoXa
O evento contará con 3.600 euros en premios, o que promete incentivar a creatividade e participación de veciños e visitantes

2 Feb 2025
O vindeiro domingo 2 de marzo, Castroverde celebrará o seu tradicional Entroido, unha das festividades máis esperadas do ano, organizado polo Concello de Castroverde e coa colaboración da Deputación de Lugo.
A xornada comezará ás 17.00 horas cun animado pasarrúas, que percorrerá a Praza do Concello ata chegar ao Pavillón Municipal A Ferrería.
O evento contará con 3.600 euros en premios, o que promete incentivar a creatividade e participación de veciños e visitantes.
Ademais, haberá animación a cargo de Zuncurrundullo e actividades para todas as idades, incluíndo inchables para os máis pequenos.
Para aqueles que desexen participar no concurso de disfraces, a data límite de inscrición é o venres 28 de febreiro ás 14:00 horas.