Castroverde ofrecerá este domingo unha degustación gratuíta de produtos locais con demostración culinaria en directo

LugoXa
A actividade, organizada polo GDR Comarca de Lugo, contará coa participación do cociñeiro Álex Iglesias e do apicultor Manuel Pérez Fernández
Feira-de-Artesanía-e-Gastronomía-Castroverde-2
12 Nov 2026

O Campo da Feira de Castroverde acollerá este domingo, 15 de novembro, a partir das 13:00 horas, unha xornada gastronómica con degustación gratuíta de produtos locais. A iniciativa, baixo o título 'Saberes e Sabores de Terras do Miño: A nosa tradición ten moito sabor!', busca dar a coñecer o patrimonio agroalimentario da contorna, promover os produtos de proximidade e poñer en valor o traballo dos produtores.

A programación incluirá unha sesión divulgativa inicial, unha demostración culinaria comentada a cargo do cociñeiro Álex Iglesias e un encontro co produtor local Manuel Pérez Fernández, apicultor de Casa Seixas de Sampaio. Os asistentes poderán coñecer máis de preto os produtos e o proceso de elaboración, ademais de participar nunha degustación comentada.

A actividade desenvolverase no Campo da Feira, xunto ás casetas. No caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, trasladarase ao interior da nave do mercado gandeiro.

A proposta está organizada polo GDR Comarca de Lugo no marco do proxecto 'Saberes e Sabores de Terras do Miño: Posta en Valor do Patrimonio Agroalimentario Local 2026', co apoio das subvencións da Deputación de Lugo destinadas a entidades asociativas sen ánimo de lucro das reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

0.13544201850891