Castroverde reunirá artesanía, gastronomía e vehículos clásicos o 16 de agosto na súa feira anual

O Concello de Castroverde celebrará o vindeiro 16 de agosto a XIX Feira de Artesanía e Gastronomía, unha cita xa consolidada no calendario estival que volverá combinar tradición, cultura, gastronomía e lecer. A programación coincidirá, ademais, coa XII Concentración de Vehículos Clásicos, reunindo durante toda a xornada artesáns, expositores, afeccionados ao motor e público de todas as idades.
A feira abrirá as súas portas ás 10.00 horas. Unha hora máis tarde, ás 11.00 horas, terá lugar a concentración de motos e coches clásicos no recinto feiral.
A inauguración oficial celebrarase ás 12.00 horas coa recepción das autoridades e a actuación da Asociación Cultural e Musical Zuncurrundullo, de Castroverde, que realizará un percorrido musical polo recinto.
Ás 13.30 horas será a quenda do pregón, que nesta edición correrá a cargo de Ana María Pérez Veiga, directora do CPI Plurilingüe de Castroverde. A continuación, ás 14.00 horas, a charanga Festicultores "A Gran Sementeira" amenizará o tradicional xantar típico galego.
As actividades continuarán pola tarde. Ás 16.15 horas celebrarase unha festa de inchables nas piscinas municipais. Posteriormente, ás 18.00 horas, volverá actuar a charanga Festicultores "A Gran Sementeira".
Ás 19.30 horas, o aparcadoiro das piscinas municipais converterase no escenario do espectáculo de circo "O último que apague a luz", da compañía A Vela Circo. A programación concluirá ás 20.30 horas na Praza do Concello coa actuación do mago Dani García, que presentará o espectáculo "Flash".
Durante toda a xornada, os asistentes tamén poderán visitar os postos de artesanía e gastronomía, participar en obradoiros e contemplar demostracións en directo de distintos oficios tradicionais, nunha iniciativa coa que o Concello busca poñer en valor o traballo dos artesáns, promover os produtos da terra e fomentar a convivencia arredor das tradicións galegas.