Catorce corais levarán a música do Nadal ás rúas de Lugo con trinta actuacións en decembro

A música coral será unha das protagonistas do Nadal en Lugo cunha programación que levará preto de trinta actuacións ás rúas do centro da cidade entre o 15 e o 30 de decembro. A iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación, contará coa participación de catorce formacións locais que interpretarán repertorios propios destas datas.
O programa reunirá a Ecos do Miño, Orfeón Xoán Montes, Schola Gregoriana Lucensis, Coral Cantigas e Frores, Conxunto Vocal Lugh, Xove Coro de Lugo, Sólo Voces, Coral Polifónica Xolda, Coro Hospital de Lugo, Cantar Delas, Coral Lucus Terra, Asociación Música Vocal Xeada, Coro Xuvenil de Lugo e Orfeón Lucense.
As agrupacións percorrerán diferentes rúas do centro, onde ofrecerán actuacións con panxoliñas, cantos de Reis e outras composicións relacionadas co Nadal, incluídas pezas vinculadas a distintas tradicións culturais.
A vicepresidenta da Deputación, Iria Castro, explicou que a proposta busca contribuír a ambientar a cidade durante unhas datas nas que aumenta a presenza de persoas nas rúas e se fai un maior uso dos espazos públicos. Ademais, destacou que o programa permite reforzar o apoio ás corais lucenses, coas que a institución mantén unha colaboración continuada ao longo do ano, incorporando as súas propostas a diferentes iniciativas culturais, como o Tradigalu.