Catro compañías participarán do 13 ao 21 de abril no Festival de Teatro Universitario de Lugo
Unha nova edición do Festival de Teatro Universitario de Lugo porá sobre as táboas do auditorio Gustavo Freire de Lugo catro producións doutras tantas compañías universitarias do 13 ao 21 de abril. O certame enmárcase no convenio Lugo Cultural, no que participan a USC, o Concello de Lugo e a Deputación.
A compañía de teatro USC-Lugo, que dirixe Carmen Conde, será a encargada de abrir o calendario de representacións coa estrea da peza de produción propia 'A emperadora'. Será o día 13, a partir das 20.00 horas.
Ao día seguinte, será o turno da Aula de Teatro Universitario de Ourense 'Maricastaña' que porá en escena a obra 'Imperator'. O grupo leonés Teatro El Mayal presentará o día 19 'Sweet Jane', mentras que a compañía de teatro USC-Santiago pechará a quenda de representacións coa obra 'A casa da forza 2,52 -88', o día 20.
Todas as representacións terán lugar no auditorio Gustavo Freire, a partir das 20.00 horas. As persoas interesadas en asistir como público poden solicitar xa de balde as súas entradas a través do correo electrónico cultura.lugo@usc.es. Os aforos de cada función estarán determinados pola normativa sanitaria vixente en cada momento e a reserva de entradas poderá facerse ata as 12.00 horas do día de cada función.
PROGRAMACIÓN COMPLEMENTARIA
A programación do Festival de Teatro Universitario completarase cunha variada oferta de propostas. Así, o día 21 o Gustavo Freire acollerá, tamén a partires das 20.00 horas, o concerto de Verto. A actuación irá precedida dunha breve sesión das marionetas que foron elaboradas nun obradoiro de creación impartido por Marga Portomeñe.
O festival reserva tamén espazo para a formación e a divulgación. O académico de Artes Escénicas Vicente Fuentes impartirá do 15 ao 18 de abril o obradoiro ‘Da palabra ao canto, do canto á palabra’. As sesións deste curso desenvolveranse na Aula de Teatro e Danza do Campus de Lugo, sita na Facultade de Veterinaria, en quenda de 9.00 a 13.00 horas e de 15.00 a 18.30 horas. O número de prazas está limitado a un máximo de 10 participantes, e as persoas interesadas poden formalizar xa a súa matrícula a través do correo cultura.lugo@usc.es.