Catro pezas de danza de Vilagarcía, Lugo, A Coruña e Sada gañan o Xuventude Crea 2026

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa
‘Chiri’ gaña o primeiro premio, mentres que ‘Debaixo do Burka’ e ‘Calidoscopio’ comparten o segundo galardón e a proposta ‘No’ recibe a terceira distinción
xuventude-crea-danza
19 Nov 2026

A Xunta de Galicia outorgou hoxe o primeiro premio na modalidade de Danza Moderna do Xuventude Crea 2026  á peza  Chiri, de Antía Rodríguez e Pilar Blanco, de Vilagarcía de Arousa e Lugo. Mentres, a segunda distinción do certame foi parar de xeito compartido ás creacións Debaixo do Burka, da lucense Irea Abuín, e a Calidoscopio, da coruñesa Candela Boile. Este palmarés completouse cun terceiro posto para Nó, de Javier Vázquez, natural da localidade coruñesa de Sada.

Deste xeito, a final desta categoría do certame da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, celebrada na Cidade da Cultura,  deulle o máximo recoñecemento a unha peza, Chiri, que se centra nas dúas intérpretes, que amosan dúas versións dun mesmo conflito para amosar as contradicións e tamén o dereito á liberdade individual de expresión.

En canto ás dúas creacións que se fixeron ex aequo co segundo premio do Xuventude Crea 2026 desta modalidade, a proposta de Irea Abuín, Debaixo do Burka, faise a pregunta de que queda dunha muller cando xa non se pode mostrar como ela mesma. Por iso, nesta peza, a roupa convértese nunha segunda pel para trasladar a metáfora de fronteira que aperta, pesa e afoga. Pola súa banda, Calidoscopio, de Candela Boile, a coreografía inspírase nunha verso da canción Everything Matters, da intérprete Aurora. Finalmente, Nó, de Javier Vázquez, preséntase a través dunha interpretación cun fío, que reflicte as presións que se constrúen á medida que as persoas se converten en adultas.

A modalidade de Danza Moderna é unha das 15 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea 2026, que segue a consolidar a seu interese entre a mocidade galega con preto de medio milleiro de persoas inscritas este ano e que celebrará a gala cando rematen todas as finais das diferentes categorías.

A iniciativa chega este ano á súa décimo sétima edición sendo un programa consolidado e con prestixio no eido cultural e artístico galego, no que xa participaron preto de 6.000 mozos e mozas, con 4.000 obras e proxectos creativos e no que se repartiron preto de 700 premios por un importe total superior ao millón de euros e 89 mencións de honra.

0.18199706077576