CCOO anuncia accións xudiciais contra os Orzamentos de 2026 do Concello de Lugo

LugoXa
O sindicato denuncia falta de negociación, ausencia de transparencia e vulneración de dereitos laborais na tramitación das contas municipais
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
27 Apr 2026

A Sección Sindical de CCOO no Concello de Lugo anunciou o inicio inmediato de accións xudiciais contra os Orzamentos municipais de 2026 ao considerar que a súa tramitación se realizou sen respectar os procedementos legais nin os dereitos da representación dos traballadores.

Segundo trasladou a organización sindical, a decisión chega despois de intentar “por todas as vías” o diálogo e a negociación co goberno local. CCOO sostén que se ve obrigada a acudir aos tribunais ante un executivo municipal que, ao seu xuízo, “confunde a maioría política coa impunidade legal”.

O sindicato explica que presentou alegacións detalladas nas que advertía de que as contas foran elaboradas “de costas ao persoal” e sen ningún proceso de negociación sindical previo. Desde a central aseguran que a resposta do goberno local foi o “desprezo”. Neste sentido, critican que “non se sentan, non escoitan e non respectan os dereitos fundamentais dos traballadores que manteñen viva esta cidade”.

Entre as principais denuncias, CCOO sinala que os orzamentos foron aprobados sen convocar a Mesa Xeral de Negociación nin facilitar a documentación necesaria á representación sindical. Para a organización, esta actuación evidencia unha falta de transparencia e impide un control adecuado sobre as partidas destinadas ao persoal municipal.

Desde o sindicato consideran que “os cartos de todos os lucenses non poden repartirse sen criterios claros nin control” e defenden que a cidadanía “merece saber como e por que se paga cada euro do capítulo de persoal”.

CCOO tamén advertiu de que o proceso seguido en Lugo podería derivar nun escenario semellante ao vivido noutras cidades galegas, citando o caso de Ferrol, onde os orzamentos foron anulados. Segundo lembran, a negociación colectiva é un dereito fundamental e a súa omisión pode invalidar o procedemento administrativo.

A central sindical remata asegurando que non pode permitir que o Concello “funcione como un cortixo privado onde a lei non existe e a transparencia brilla pola súa ausencia”.

0.12394785881042