CCOO ve na sentenza do TSXG un duro revés á xestión do Concello de Lugo nas bolsas de emprego municipais

LugoXa
O alto tribunal galego anula os nomeamentos interinos de 2024 e obriga a repetir o proceso por incumprir a orde legal de chamamentos nas listas de contratación
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
13 May 2026

Comisións Obreiras considera que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia supón un duro golpe á xestión realizada polo Concello de Lugo nas bolsas de emprego municipais, ao confirmar a nulidade dos nomeamentos interinos efectuados en 2024.

Segundo o fallo xudicial, o Concello incumpriu a orde legal de chamamentos ao aplicar un criterio que o tribunal considera inventado e contrario ás propias bases municipais, o que levou a impedir que unha traballadora mellor situada na bolsa de ordenanza puidese acceder a un posto de “mellora de emprego”.

Para o sindicato, a resolución pon o foco nun modelo de xestión marcado pola arbitrariedade e subliña que, aínda que o conflito se inicia baixo o mandato do anterior goberno municipal, a actual alcaldesa de Lara Méndez ten agora a obriga legal e moral de romper con estas prácticas e garantir unha xestión de persoal estritamente axustada á legalidade.

A sentenza tamén rexeita a actuación do Concello ao deixar claro que as bolsas de distintas categorías son independentes e que non se poden mesturar criterios para alterar a orde de prelación establecida.

Comisións Obreiras critica ademais que o Concello decidise recorrer a primeira sentenza, prolongando o conflito xudicial e xerando un gasto público innecesario para defender unha decisión que finalmente volve ser anulada polos tribunais.

O sindicato insta ao goberno municipal a aproveitar esta resolución como punto de inflexión e advirte de que as bolsas de emprego non poden xestionarse con criterios discrecionais, senón respectando estritamente as normas e as bases que regulan o seu funcionamento.

A sentenza obriga agora ao Concello a retrotraer o procedemento e repetir os chamamentos conforme á orde legalmente establecida.

0.13396000862122