Celebrada unha xunta de seguridade na Montaña para preparar o operativo da eclipse do 12 de agosto

LugoXa | RibeiraSacraXa
Administracións e forzas de seguridade coordinan medidas para garantir a mobilidade e a seguridade ante a previsión de alta afluencia de visitantes
Xunta-seguridade-Montaña-Lugo
14 Apr 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu unha xunta de seguridade celebrada na Casa da Cultura de Pedrafita do Cebreiro co obxectivo de planificar o operativo ante a eclipse prevista para o 12 de agosto.

Na reunión participaron alcaldes dos concellos de Negueira de Muñiz, Quiroga, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro, así como a secretaria xeral da Subdelegación do Goberno, Elvira Paloma Fernández.

O encontro serviu para “definir con tempo os puntos de observación da eclipse e organizar os accesos para garantir a seguridade da cidadanía”, segundo destacou a subdelegada. Ademais, participaron responsables das forzas e corpos de seguridade do Estado e doutros organismos implicados, co fin de reforzar a coordinación institucional necesaria para organizar os dispositivos de seguridade, mobilidade e emerxencias asociados a este fenómeno astronómico.

Durante a xuntanza, Olimpia López puxo o acento na complexidade da orografía do sueste da provincia, advertindo das posibles dificultades nos accesos aos puntos de observación. Neste sentido, subliñou a necesidade de anticipar a planificación para evitar riscos tanto para as persoas que acudan a ver a eclipse como para o conxunto da cidadanía.

A subdelegada lembrou tamén que a provincia de Lugo será un dos territorios privilexiados para a observación do fenómeno, polo que se prevé unha elevada chegada de visitantes. “Estamos ante un acontecemento excepcional que require planificación, colaboración e coordinación para garantir a seguridade e que a cidadanía poida desfrutar desta experiencia en condicións axeitadas”, sinalou.

No marco desta coordinación, a Subdelegación do Goberno solicitou aos concellos que identifiquen os espazos que poden funcionar como puntos de observación, así como aqueles nos que non sexa viable concentrar a un gran número de persoas. Esta información permitirá planificar con antelación os dispositivos de seguridade, regular o tráfico e reforzar os servizos de emerxencias.

Na reunión abordáronse tamén recomendacións dirixidas á cidadanía en materia de mobilidade e seguridade. Entre elas, destaca a conveniencia de planificar os desprazamentos con antelación e evitar viaxar o mesmo día do evento, ante a previsión de tráfico intenso. Tamén se fixo fincapé na necesidade de extremar a precaución ao volante e de informarse a través da Dirección General de Tráfico sobre posibles incidencias ou cortes de estrada.

Ademais, recomendouse a descarga da aplicación AlertCops, que permite comunicar incidencias de forma rápida ás forzas e corpos de seguridade.

0.12177515029907