Cen persoas desempregadas fórmanse en hostalería cun programa da Apehl en Lugo e Monforte

Un cento de persoas desempregadas participaron durante o último ano no Programa Integrado de Emprego da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl), unha iniciativa desenvolvida en Lugo e Monforte de Lemos para facilitar a súa incorporación ao sector hostaleiro.
O programa incluíu cursos e obradoiros especializados en áreas como a identificación de alérxenos, a manipulación de alimentos, as tarefas de auxiliar de cociña e axudante de camareiro, a cociña saudable, o protocolo e a reciclaxe. A formación completouse con contidos transversais útiles para acceder ao mercado laboral, entre eles competencias dixitais, atención ao cliente e técnicas de busca de emprego.
As persoas participantes tamén recibiron orientación e asesoramento personalizado, adaptados ao perfil e ás necesidades de cada unha, co obxectivo de mellorar as súas posibilidades de atopar traballo.
A iniciativa estivo dirixida preferentemente a persoas desempregadas migrantes e deu prioridade, ademais, a menores de 30 anos, persoas con discapacidade e persoas en risco de exclusión social, entre outros colectivos.
A clausura do programa contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e do presidente da Apehl, Cheché Real, entre outros representantes. Villares destacou a importancia de formar profesionais cualificados para responder ás necesidades do sector hostaleiro.
O programa conta co impulso da Xunta de Galicia, que aposta por este tipo de accións para mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas e axustar a formación ás demandas do tecido produtivo.