Cervantes acolle a VI Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares o vindeiro 24 de outubro

O polideportivo do colexio de San Román de Cervantes acollerá o sábado 24 de outubro a VI Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha proposta que reunirá gastronomía, música e artesanía para poñer en valor os produtos e a cultura da zona. A iniciativa está organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras coa colaboración de A Carqueixa.
A programación comezará ás 12.00 horas coa presentación da xornada e a apertura dos postos. Unha hora despois, os Xardois ofrecerán a primeira actuación musical antes do xantar de degustación da Tenreira de Ancares, previsto para as 14.00 horas.
Pola tarde, ás 16.30 horas, A Carqueixa renderá unha homenaxe a Sandra de Vilaver. A música volverá ás 17.00 horas coa actuación dos Xardois e Son de Cores, que se completará cun obradoiro de baile impartido por Rebeca Tallón.
A celebración coincidirá coa XIV Feira de Artesanía, que permitirá aos asistentes coñecer e apoiar o traballo dos artesáns participantes.
A organización lembra que as prazas para o xantar son limitadas e que é imprescindible inscribirse previamente no teléfono 620 451 654.
A xornada busca ofrecer un espazo de encontro para compartir a gastronomía, a música e os oficios tradicionais, ao tempo que reivindica os produtos e as tradicións da contorna.