Cervantes acollerá unha proxección-coloquio sobre Prisciliano e a Gallaecia

Cervantes acollerá este sábado, 10 de outubro, unha nova proxección-coloquio do documental "Prisciliano e a Gallaecia", unha iniciativa promovida pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar a diferentes concellos da provincia o coñecemento sobre a figura histórica de Prisciliano.
A actividade contará coa participación de Aser Álvarez, director do documental; Diego Piay, historiador; Victorino Pérez, experto en Prisciliano; e Xabier Correa Corredoira, membro do equipo artístico. O encontro permitirá afondar na vida de Prisciliano, na influencia do seu pensamento e no contexto histórico no que desenvolveu a súa actividade.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou a relevancia da produción audiovisual, que definiu como "o primeiro" documental realizado sobre a vida de Prisciliano. Segundo explicou, a iniciativa contribúe á recuperación e divulgación da figura do bispo, cuxa importancia histórica está xa recoñecida no ámbito académico, pero non tería recibido a mesma difusión entre o conxunto da poboación.
Nas últimas semanas, o documental xa foi proxectado nos concellos de Sarria e Ribadeo, dentro desta programación divulgativa impulsada pola área de Cultura da Deputación.
A iniciativa complétase coa creación dun podcast no que se afondará na biografía de Prisciliano, na influencia do seu pensamento, no contexto histórico no que viviu e na súa relación coa Gallaecia.