Cervantes logra unha axuda para mellorar a contorna do Castelo de Doiras

O Concello de Cervantes conseguiu unha axuda económica destinada á mellora da contorna do Castelo de Doiras, un proxecto co que a administración local busca continuar avanzando na recuperación e valorización dun dos espazos máis representativos do municipio.
A solicitude fora presentada o pasado 13 de febreiro de 2026 e o Concello recibiu agora a confirmación da concesión desta achega, que permitirá executar distintas actuacións na zona.
Entre as intervencións previstas inclúese a adecuación dun local para a exposición e comercialización de produtos locais, co obxectivo de apoiar a promoción e venda da produción da contorna. Tamén se acometerán melloras no sistema de recollida e xestión de residuos.
O proxecto contempla ademais a creación dunha área de recreo e a instalación de nova iluminación na contorna do castelo, co propósito de mellorar os servizos dispoñibles e facer o espazo máis atractivo e funcional.
Desde o Concello destacaron que continúan traballando para optimizar os recursos municipais, potenciar o turismo e crear espazos que beneficien tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.