César Mogo denuncia que o PP “manipula” sobre a Garda Civil en Portomarín e oculta que Lugo ten 28 axentes máis

LugoXa
O senador socialista denuncia que os populares manteñen “unha campaña de manipulación, medias verdades e mesmo mentiras” sobre as vacantes nos cuarteis e ocultan os datos globais da provincia
Imaxe de Cesar Mogo
11 Jun 2026

O senador socialista César Mogo acusou este xoves aos senadores do Partido Popular de manter “unha campaña de manipulación, medias verdades e mesmo mentiras manifestas para enganar aos lucenses” en relación coa situación dos postos da Garda Civil na provincia e, en concreto, co cuartel de Portomarín.

Mogo respondeu ás críticas realizadas polos populares, aos que reprochou que “volvan utilizar un servizo público esencial para facer oposición con datos incompletos” e sen ofrecer unha visión real da situación. Neste sentido, subliñou que o PP “fala das vacantes nun cuartel ou noutro, pero agocha que hoxe na provincia de Lugo hai 28 gardas civís máis que na etapa na que gobernaba Mariano Rajoy”.

“Cando falan de vacantes, que digan tamén onde hai máis gardas civís que durante o Goberno do Partido Popular. Por que non contan toda a verdade? Por que ocultan aos lucenses a información verdadeiramente importante?”, preguntou o senador socialista.

Mogo explicou que as vacantes nos postos da Garda Civil “existen, como existiron sempre, ata que se van cubrindo as prazas”, e sinalou que as de Portomarín, como as do Valadouro ou outros puntos da provincia, “se irán cubrindo a medida que vaia transcorrendo o tempo”, tendo en conta tamén as dificultades que existen para completar determinados destinos.

O senador enmarcou esta denuncia dos populares nunha “inmensa campaña de manipulación que o PP aplica de maneira reiterada”. Como exemplo, lembrou que hai pouco reclamaron en Vilalba ao Goberno do Estado o arranxo das antigas casetas dos peóns camiñeiros, sen comprobar antes que eran propiedade da Xunta de Galicia. Para Mogo, este tipo de actuacións evidencian “falta de solvencia, falta de información e unha vontade clara de manipular os datos que o Goberno de España lles traslada con plena transparencia”.

Mogo criticou tamén a posición do senador popular Juan Serrano, que agora reclama máis efectivos en Portomarín cando, na súa etapa como alcalde do municipio, o Concello chegou a cuestionar o “total rigor” da Garda Civil nos controis de tráfico.

Para o socialista, o PP está a utilizar esta cuestión “para tratar de sobrevivir politicamente” e para “impresionar ao seu propio partido de cara ás eleccións municipais de 2027, contando medias verdades cando non recorrendo á manipulación máis absoluta”.

“Que deixen de tomarlles o pelo aos lucenses. As vacantes nos cuarteis da Garda Civil serán cubertas por un Goberno que está facendo fronte á desfeita no persoal da Garda Civil e da Policía Nacional que deixou o Partido Popular: 13.000 axentes menos en toda España. Iso é o que teñen que responder, en lugar de manipular”, concluíu.

0.13488602638245