Chega a Lugo a mostra co mellor do fotoxornalismo galego

LugoXa
O público poderá gozar en San Marcos das súas 73 imaxes, asinadas por fotoxornalistas que traballan en Galicia
Inauguración-A-Galicia-Inédita
12 Out 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou na Praza de San Marcos a exposición fotográfica A Galicia inédita: unha ollada diferente sobre o fotoxornalismo galego. Este proxecto, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, chega a Lugo da man da Deputación e permanecerá exposto ata o 10 de novembro. Durante a inauguración, José Tomé estivo acompañado pola presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, o fotoxornalista lugués Pepe Álvez, e o comisario da mostra, Fernando Blanco.

O mandatario provincial subliñou o papel fundamental do fotoxornalismo na creación de pensamento crítico, afirmando que esta exposición “ofrécenos perspectivas novas e únicas sobre a realidade galega”. O mandatario provincial animou á cidadanía a visitar a mostra e contemplar este traballo, pois “é un chamado a deter o noso vertixinoso consumo de imaxes e a recuperar a capacidade de observar e reflexionar.” Ademais, enfatizou que “esta exposición reivindica a pluralidade, a
convivencia e a diversidade, mostrándonos os diferentes xeitos de ser galegos e galegas ou de estar en Galicia.”
Así mesmo, Tomé valorou a coincidencia da mostra coas festas de San Froilán, un momento propicio para sentir a comunidade, compartir experiencias e romper coa rutina.

“A Galicia inédita invítanos a mirarnos sen prexuízos, con retranca, e a recoñecer o valor do noso pasado, presente e futuro como galegos, reafirmando a importancia de cultivar unha sociedade crítica e tolerante,” concluíu. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, agradeceu ás dúas entidades súa “tarefa de divulgación imprescindible para a nosa comunidade e, concretamente, para a nosa provincia”. Con esta exposición preténdese destacar o traballo de 73 fotoxornalistas galegas e galegos, tanto residentes en Galicia como no estranxeiro, mediante fotografías acompañadas de explicacións literarias.

A exposición, que xa acadou case 12.000 visitas en Santiago de Compostela e que estivo presente tamén nas cidades de Pontevedra, Ourense, A Coruña e Ferrol, chega agora a Lugo por iniciativa da institución provincial. O público poderá gozar en San Marcos das súas 73 imaxes, asinadas por fotoxornalistas que traballan en Galicia, complementadas con textos doutros tantos xornalistas que tamén desenvolven o seu labor na nosa comunidade. As fotografías que se expoñen na mostra van máis aló da capacidade creativa dos seus autores e da instantánea de actualidade, con obras que plasman moi diferentes aspectos da nosa realidade social, económica e política, dende a vertente máis dura ou crúa como lumes forestais, narcotráfico, conflitos laborais, ata as manifestacións artísticas, culturais e festivas galegas.

Pero tamén, o espazo expositivo inclúe imaxes que reflicten a beleza paisaxística ou a xeografía humana da comunidade. A Galicia inédita xurdiu dos encontros previos entre a Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas, ambos co obxectivo común de dar visibilidade e poñer en valor a grande calidade que atesouran moitos traballos dos reporteiros gráficos, sen perder o nexo de unión cos profesionais do xornalismo que ilustran a diario os seus textos coas imaxes dos primeiros.

0.19447302818298