Ciencia á Feira pecha a edición 2025-2026 e presenta novas liñas centradas na alimentación, o alzhéimer e os incendios

O proxecto Ciencia á Feira pechou a súa edición correspondente ao período 2025-2026 e presentou a nova convocatoria para o curso 2026-2027. A iniciativa, promovida polo grupo XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC e financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, deu a coñecer os resultados do traballo desenvolvido durante o último ano e as futuras liñas de actuación.
Durante o acto, celebrado na Casa do Saber, proxectáronse os vídeos divulgativos elaborados polos distintos equipos participantes como mostra das iniciativas realizadas, ademais de presentarse os eixos de traballo previstos para a nova edición.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, destacou durante a súa intervención o compromiso do Goberno de España coa divulgación científica e co desenvolvemento do medio rural. Tamén puxo o foco nas principais temáticas que se abordarán na próxima convocatoria, entre elas a soberanía alimentaria, a investigación sobre o alzheimer e a análise dos incendios forestais.
López incidiu ademais na importancia da colaboración entre a comunidade científica e a cidadanía, unha relación que neste proxecto se concreta na cooperación entre persoal investigador e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias Neurodexenerativas de Lugo (AFALU).
Segundo indicou, este traballo conxunto contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas e a seguir avanzando no coñecemento das enfermidades crónicas, un labor que considerou merecedor do maior apoio institucional posible.