Cinco galas, sesións no HULA e conferencias: así é o programa do Lugo Máxico 2024

LugoXa
O festival ofrecerá 17 actividades diversas, que se desenvolverán en distintos puntos da cidade
Lugo-Máxico-2024
6 sep 2024

Lugo acollerá a súa esperada edición do festival de maxia, Lugo Máxico 2024, entre o 10 e o 15 de setembro. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto co Mago Antón a programación deste evento, que se consolidou como unha das citas culturais máis importantes da cidade. Ferreiro destacou que o festival axuda a estimular a imaxinación e a capacidade de concentración dos máis cativos, e afirmou que durante catro días Lugo recibirá a destacados magos de Galicia, do resto do Estado e de diferentes partes do mundo.

O Lugo Máxico 2024 ofrecerá 17 actividades diversas, que se desenvolverán en distintos puntos da cidade. Entre os eventos destacados están as sesións de maxia no HULA o venres 13 de setembro, con actuacións dos magos Kayto, Marcos Waldemar e Xulio Merino. A programación comezará o 10 de setembro, ás 20.00 horas no Vello Cárcere, coa conferencia divulgativa de Paco González, titulada "As estancias do Asombro".

O festival continuará co obradoiro "Quiero ser maga" de Sara Rodríguez o 15 de setembro, tamén no Vello Cárcere. Ademais, os magos contarán cunha conferencia especializada a cargo de Joaquín Matas o 14 de setembro ás 12:00 no Hotel Mercure. O Vello Cárcere tamén albergará a exposición "O gabinete de curiosidades" de Paco González, que ofrecerá visitas guiadas os días 11, 12 e 13 de setembro. O festival incluirá tamén catro actividades de maxia na rúa, con espectáculos de Kayto e Adrián Conde en diferentes localizacións como a Praza Maior, a Praza Agro do Rolo e a Mosqueira.

O Lugo Máxico 2024 contará con cinco galas destacadas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O 13 de setembro haberá unha gala para escolares ás 12:00 a cargo de Ricardo Frazer, e outra aberta ao público ás 20:30 con Joaquín Matas e o seu espectáculo "Intimagia". O 14 de setembro será o turno da gala Waldemar ás 20:30, presentada por Xulio Merino e con participacións de David Méndez, Román García, Marcos Waldemar, Luís Boyano e Bruni Tarnecci.

O festival rematará o 15 de setembro coa gran gala Lugo Máxico ás 19.00, que contará coa participación de Xulio Merino, Joaquín Matas, Ramó&Alegría, Joshua Kenneth e Gonzalo Albiñana, presentada por Luís Boyano. Tamén se realizará unha gala no Mesón do Forno o 13 de setembro ás 22.30, presentada por Marcos Waldemar. Todas as actividades do Lugo Máxico 2024 serán de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade dos recintos, agás as galas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, cuxas entradas estarán dispoñibles por 3 euros no portal entradaslugo.es.

0.107008934021