Comezan as obras de mantemento na avenida dos Deportes cun investimento de máis de 75.000 euros

Xa deron comezo as obras de mantemento na avenida dos Deportes, onde a Tenencia de Alcaldía impulsa a renovación do asfalto no tramo comprendido entre a glorieta da Cheda e o Paseo Palestina. A actuación busca mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria nunha das zonas con maior tránsito da cidade.
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, explicou que os traballos consistirán na substitución “do firme máis desgastado con asfalto en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal para garantir a seguridade viaria”. Segundo indicou, esta intervención forma parte da liña de actuación municipal para dispoñer dunhas infraestruturas seguras e adaptadas ás necesidades do tráfico.
A obra céntrase unicamente na mellora da capa de rodadura, xa que o firme no seu conxunto presenta un bo estado e os danos detectados non proceden das capas inferiores. O proxecto contempla o fresado superficial de toda a zona afectada e a posterior colocación dunha nova capa de rodadura elaborada con mestura asfáltica en quente, coas condicións técnicas axeitadas para asegurar a durabilidade da actuación.
Ademais, executarase o repintado da sinalización horizontal afectada polos traballos, incluíndo liñas continuas e discontinuas, pasos de peóns, cebreados, frechas indicativas, prazas de estacionamento e zonas reservadas para autobuses, entre outros elementos. Tamén se renovará a sinalización horizontal da avenida dos Deportes ata o acceso ao estadio Anxo Carro.
Esta actuación supón un investimento de 75.347,19 euros, contará cun prazo de execución de 90 días e foi adxudicada á empresa Cholo, SL. Con este proxecto, a Tenencia de Alcaldía reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos espazos urbanos e coa seguridade da veciñanza e das persoas usuarias das vías públicas.