Comezan as obras de mellora na rúa Pintor Corredoira para reforzar a seguridade peonil

LugoXa
A actuación inclúe un paso de peóns elevado, ampliación de beirarrúas e creación dunha nova zona de espera para o alumnado
obras-rúa-Pintor-Corredoira-Lugo
15 Apr 2026

Comezaron as obras de mellora na rúa Pintor Corredoira, unha intervención destinada a incrementar a seguridade peonil no entorno escolar do CEIP Anexa, segundo explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.

Arroxo enmarcou esta actuación nunha nova fase do plan de mellora das contornas escolares, unha liña de traballo que, segundo indicou, a Tenencia de Alcaldía desenvolve desde hai anos e que xa se aplicou en centros como Luís Pimentel, As Mercedes e Rosalía de Castro, e que agora continúa no CEIP Anexa.

As intervencións previstas inclúen a creación dun novo paso de peóns elevado na rúa Pintor Corredoira, a ampliación da beirarrúa situada fronte ao colexio e a habilitación dunha nova zona de espera nunha parcela municipal actualmente sen uso. Esta última área será pavimentada con formigón impreso e contará con novo arborado para xerar zonas de sombra.

A beirarrúa ampliada quedará protexida mediante unha varanda de aceiro galvanizado, co obxectivo de reforzar a seguridade do tránsito peonil na contorna educativa.

Segundo explicou o tenente de alcalde, a intervención busca seguir avanzando na creación de espazos máis seguros para a comunidade escolar, especialmente para o alumnado de menor idade, mellorando a organización do tráfico e os accesos ao centro.

0.13068890571594