Comezan as obras de peche do polideportivo do CEIP de Palas de Rei

LugoXa
A actuación, financiada pola Consellería de Educación con 47.000 euros, permitirá dispoñer dun recinto cuberto para o inicio do próximo curso
obras-CEIP-Palas-de-Rei
4 Aug 2026

O Concello de Palas de Rei iniciou a pasada semana as obras de mellora do polideportivo anexo ao CEIP da localidade, unha actuación que consistirá no peche lateral da instalación co obxectivo de mellorar as súas condicións de uso tanto para a comunidade educativa como para a veciñanza.

Os traballos, financiados pola Consellería de Educación cun investimento de 47.000 euros, desenvolveranse ao longo de todo o mes de agosto para que a infraestrutura estea completamente operativa coincidindo co comezo do novo curso escolar.

A intervención contempla a utilización de materiais prefabricados de formigón e chapa microperforada, unha solución que permitirá axilizar a execución das obras e reducir os prazos de construción. Unha vez rematados os traballos, o recinto contará cun maior nivel de protección fronte ás condicións meteorolóxicas adversas, especialmente durante os meses de inverno.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, agradeceu a colaboración da Consellería de Educación para facer posible esta actuación e destacou os beneficios que suporá para o municipio. Segundo explicou, os alumnos do centro educativo poderán utilizar o polideportivo sen verse condicionados pola choiva ou o frío, mentres que, fóra do horario lectivo, as instalacións estarán tamén a disposición dos veciños.

Deste xeito, Palas de Rei contará a partir de setembro con dous pavillóns deportivos cubertos ao servizo da cidadanía, ampliando as posibilidades para a práctica deportiva e a celebración de actividades ao longo de todo o ano.

O rexedor enmarcou esta actuación dentro do plan municipal de mellora das instalacións deportivas, unha estratexia coa que o Concello continúa renovando e modernizando os seus equipamentos. Tras as recentes actuacións na piscina municipal, o foco sitúase agora na adecuación deste polideportivo, co obxectivo de seguir mellorando os servizos deportivos do municipio.

0.15366101264954