Completada a primeira fase do plan integral en Conturiz e impulsan un novo proxecto en Ombreiro

LugoXa
As actuacións, cun investimento global de máis de 500.000 euros, buscan modernizar as infraestruturas do rural e mellorar a calidade de vida da veciñanza
rural-Concello-de-Lugo
6 May 2026

O Concello de Lugo vén de completar a primeira fase do plan integral de actuación na parroquia de Conturiz, ao tempo que pon en marcha un novo proxecto de abastecemento de auga en San Martiño de Ombreiro, nunha estratexia global de mellora das infraestruturas básicas no rural que busca garantir un servizo máis eficiente e unha mellor calidade de vida para a veciñanza.

No caso de Conturiz, o Goberno local deu por rematada a primeira fase dun proxecto que supera os 267.000 euros de investimento e que se centrou na ampliación da rede municipal de abastecemento de auga nos núcleos de San Amaro, Castro e Conturiz. Esta actuación, financiada a través do Plan Deputación 2025, supuxo a instalación de novas tubaxes, válvulas, arquetas e conexións ás vivendas, así como a súa integración coa rede principal existente, garantindo o funcionamento do servizo durante a execución das obras mediante unha planificación por fases.

Os traballos incluíron tamén actuacións técnicas como a apertura de zanxas, a reposición de servizos afectados e a realización de probas de funcionamento que permiten asegurar a operatividade plena do sistema. Unha vez finalizada esta fase, o Concello activará nos próximos días a segunda parte do plan, centrada na mellora do firme viario en distintos tramos, cun investimento superior aos 122.000 euros, que permitirá renovar pavimentos, mellorar cunetas e reforzar a seguridade viaria con nova sinalización.

En paralelo, o Concello iniciou a tramitación dun novo proxecto de abastecemento de auga en San Martiño de Ombreiro, incluído no Plan Deputación 2026, que contempla a execución dunha rede de máis de 2.600 metros de tubaxe e a incorporación de elementos de control e seguridade como válvulas e bocas de incendio. Esta intervención permitirá dar servizo a 34 vivendas nunha primeira fase, cun investimento total de máis de 272.000 euros, maioritariamente financiado pola Deputación de Lugo.

O prazo estimado de execución será de tres meses unha vez se adxudique o contrato. Segundo o Goberno local, este conxunto de actuacións responde á estratexia de reforzar a cohesión territorial e garantir que os servizos públicos cheguen en condicións de igualdade a todo o municipio.

0.13154792785645