Continúan as confirmacións para o San Froilán 2024
O Concello continúa a desvelar os concertos para o San Froilán 2024, programa no que xa están confirmados Fillas de Cassandra, La Perra Blanco, Dollar Selmouni, Club del Río, Triángulo de Amor Bizarro e María Rodés. A música coruñesa Sés será unha das principais actuacións da gran festa do outono galego e formará parte da programación do Domingo das Mozas, un día dedicado á cultura galega. Maite Ferreiro destacou que é "unha das voces máis relevantes na música galega".
A actuación de Sés está programada para o domingo 6 de outubro ás 22.00 na praza Horta do Seminario. A artista, coñecida polo seu estilo enérxico e comprometido, comezou a súa traxectoria no 2007 co grupo Chámalle Xis! e desde entón consolidouse como unha figura esencial da música en galego. Ao longo de 12 anos de carreira, Sés gravou un total de 8 discos, nos que fusiona tradición, activismo e unha profunda conexión coa cultura galega.
O seu último traballo, "Liberar as arterias" (2020), é un tributo á activista e poeta Luz Fandiño, mostrando unha vez máis o compromiso de Sés coa defensa das raíces e a reivindicación social. A concelleira Maite Ferreiro subliñou que o San Froilán 2024 terá unha programación musical diversa e inclusiva, co obxectivo de que todas as persoas, tanto veciños como visitantes, se sintan parte destas celebracións e orgullosas de pertencer a Lugo.