Continúan en Lugo as Sesións de Filmoteca do club Valle-Inclán

LugoXa
O Club Cultural Valle-Inclán inicia as actividades do derradeiro trimestre do ano 2024 coa proxección de catro filmes
sesions-filmoteca-Club-Cultural-Valle-Inclán
16 Out 2024

O Club Cultural Valle-Inclán inicia as actividades do derradeiro trimestre do ano 2024 coa proxección de catro filmes da serie “Sesións de Filmoteca”, en colaboración coa Filmoteca de Galicia e segundo convenio asinado coa Xunta de Galicia Desenvolverase, coa cooperación da USC, no Salón de Actos da Casa do Saber, en sesión de 19.30 horas. Este mércores 16 é a quenda do filme The river, de Jean Renoir, con Nora Swinburne, Esmond Knight, Arthur Shields, Thomas E. Breen no seu elenco.

A película está ambientada na India colonial británica e baséase na novela homónima de Rumer Godden. A historia céntrase na vida dunha familia británica que vive preto dun río sagrado e segue as experiencias de tres mozas: Harriet, a filla maior da familia narradora, Valerie, a súa amiga, e Melanie, unha moza medio india. As tres rapazas quedan fascinadas polo mesmo home, o capitán John, un veterano da Segunda Guerra Mundial que chega á súa comunidade.

A peza explora as emocións da adolescencia e o descubrimento do amor, a sexualidade e os sentimentos de perda e dor. Cada unha das rapazas vive a súa propia experiencia emocional a través da relación co capitán John, quen loita tamén coas súas propias feridas físicas e psicolóxicas tras a guerra. O filme está impregnado de simbolismo e reflicte temas como o ciclo da vida, a conexión coas forzas da natureza (especialmente o río, que simboliza a corrente da vida), e as diferenzas culturais entre Oriente e Occidente.

Jean Renoir utiliza a beleza da paisaxe india e as tradicións locais para dar profundidade á historia, creando unha obra de gran sensibilidade visual e emocional. "The River" é coñecida pola súa fotografía en tecnicolor e pola súa atmosfera lírica, sendo un dos filmes máis poéticos de Renoir. Ao longo deste mes os espectadores poderán desfrutar de Du Côté de la côte, de Agnés Varda, de La Pointe Courte, de Agnès Varda e de Carmiña flor de Galicia, de Rino Lupo. A entrada en todos os casos é libre e de balde para socios do Valle-Inclán e comunidade universitaria, o resto do público deberá abotar a cota proporcional de socio. Iniciada a proxección non se permitirá o acceso á sala.

 

CONSULTA A PROGRAMACIÓN COMPLETA DAS SESIÓNS DE FILMOTECA NESTA LIGAZÓN

0.19958400726318