Controlado o incendio de Ponteareas e extinguido o da parroquia de Bóveda, en Lugo

Dous incendios forestais rexistrados nas últimas horas en Ponteareas e nas proximidades da cidade de Lugo deixaron unha superficie afectada de máis de 73 hectáreas, segundo as últimas estimacións facilitadas.
No caso de Ponteareas, o incendio, declarado na parroquia de Nogueira, quedou controlado ás 20.49 horas de onte. O lume iniciouse ás 17.39 horas do día anterior e afectou aproximadamente 70 hectáreas.
Para facer fronte ás lapas mobilizouse un amplo dispositivo formado por seis técnicos, 25 axentes, 37 brigadas, 29 motobombas, tres pas, catro unidades técnicas de apoio, nove helicópteros e catro avións.
Por outra banda, na parroquia de Bóveda, na zona do Carqueixo, nas proximidades da cidade de Lugo, rexistrouse outro incendio forestal que obrigou a despregar medios terrestres e aéreos. O lume comezou ás 16.54 horas e o fume foi visible desde diferentes puntos da cidade, o que xerou preocupación entre a veciñanza pola proximidade do incendio ao núcleo urbano.
No operativo participaron finalmente cinco axentes, dez brigadas, cinco motobombas e unha pa, ademais dun helicóptero e dous avións. O incendio quedou finalmente extinguido ás 00.38 horas tras afectar unhas tres hectáreas de monte raso.
A Consellería do Medio Rural lembra que a cidadanía pode comunicar a detección de incendios forestais a través do teléfono gratuíto 085. Tamén está dispoñible a aplicación Alume para informar sobre incendios forestais activos en Galicia. Para denunciar de maneira anónima actividades relacionadas con incendios provocados existe o teléfono gratuíto 900 815 085.