Convocada unha nova edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

GaliciaXa | LugoXa | OurenseXa
Avanza que cos proxectos galardoados se editará un libro, un caderno e produciranse dúas exposicións itinerantes, que se inaugurarán en Lugo e Ourense
presentacion-premio-galicia-fotografia-contemporanea
29 Jul 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe as bases do XIV Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que conta co apoio da Xunta e que erixiu como “escaparate e proxección de novos talentos e da diversidade de creacións artísticas nesta disciplina, sen límites nas técnicas nin na temática”.

Na presentación no Centro Galego de Arte Contemporánea da convocatoria desta edición do certame, impulsado tamén pola Asociación Outono Fotográfico, a Deputación de Lugo e a Universidade de Vigo, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o papel deste premio para “dar a coñecer o traballo de novos artistas e achegar tanto as súas creacións á sociedade, como ás novas tendencias desta disciplina en Galicia”. Neste senso, considerou necesario este tipo de iniciativas “ao promover a difusión das artes e darlle unha oportunidade á visibilidade a todo tipo de creadores”.

En canto á edición deste ano, Anxo M. Lorenzo explicou que está dotada con dous premios aos que optan todas as propostas presentadas, un por parte do xurado e outro da organización. No primeiro dos casos, o recoñecemento abrangue a edición dun libro e a produción dunha exposición temporal, que se inaugurará en Lugo e que itinerará entre os meses de decembro de 2026 e xullo de 2027.

Con respecto á distinción que supón o premio da organización, precisou que recolle a edición dunha publicación, en formato caderno, que formaría parte da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e a produción dunha mostra, que estará desde novembro do 2026 ata xaneiro do 2027 na Sala Alterarte, no campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Deste xeito, tal e como sinalou o director xeral de Cultura, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea “consegue reforzar a visibilidade dos proxectos gañadores”, en referencia ao papel que desenvolven as exposicións. Neste senso, fixo fincapé no carácter itinerante ao longo de dous anos e no feito de que, durante estas trece edicións anteriores, as diferentes obras premiadas “percorreron diversos puntos tanto de Galicia como do resto da Península Ibérica”.

As persoas interesadas en participar no certame poderán presentar a súa solicitude entre o 15 de agosto e o 11 de outubro deste ano. Cómpre apuntar que só se poderán enviar proxectos realizados entre setembro do ano 2016 e setembro do 2026, que non foran subvencionados ou recibisen unha bolsa anteriormente noutro certame e que non estivesen editados na súa totalidade en calquera soporte.

0.12248682975769