Coque Malla, Paula Mattheus e Milladoiro actuarán no San Froilán
O San Froilán pecha o seu programa de concertos coas actuacións de Coque Malla, Paula Mattheus e Milladoiro. O exlíder de Los Ronaldos actuará o 11 de outubro ás 22.00 horas na Horta do Seminario. A quenda de Milladoiro, que celebra o seu 45 aniversario, chega o 12 de outubro, o último día das patronais, tamén ás 22.00 horas na Horta do Seminario. A cantante Paula Mattheus completa a lista de actuacións para esta nova edición das festas.
Entre as últimas incorporacións están o grupo vasco Zetak e o cántabro Repion, que estarán o venres 11 de outubro na praza de Santa María. As irmás cántabras Marina e Teresa Iñesta son un dúo de grunge pop que no 2023 publicaron o disco que revelaba todo o seu potencial tras anos funcionando coma grupo. Cancións como Brillante, Barrio Somavilla ou En todo momento proxectáronas coma un dos nomes do indie-rock en castelán a ter en conta neste momento e, ao mesmo tempo, coma un dos girl-group máis impactantes dos últimos anos.
No caso de Zetak trátase dun grupo vasco de música pop-electrónica fundado por Pello Reparaz no 2019 logo da disolución do grupo de música Vendetta. No verán de 2022 acadou un grande éxito en Donostia e Bilbao. Durante a Donostia Week, 13 500 persoas déronse cita na praza Tomas Alba de Sagues e durante a Aste Nagusia de Bilbo actuaron no Arenatza. En Catalunya, Zetak é coñecido por colaborar con artistas como Oques Grasses e Suu.
Os lucenses tamén poderán gozar de Mondra, o día 11; Pedro Pastor y los locos descalzos, o xoves, 10 de outubro, a partir das 21.00 horas en Santa María; María Rodés; Fillas de Cassandra, La Perra Blanco, Dollar Selmouni, Club del Río e Triángulo de Amor Bizarro.