'Cores do mundo', unha exposición de 42 fotografías que encherá de vida a contorna do Cuartel de San Fernando

LugoXa
A mostra poderá visitarse do 30 de outubro ao 11 de decembro e percorrerá paisaxes e culturas de distintos recunchos do planeta
cuartel-vello-Museo-da-Romanización-Praza-Ferrol-Lugo
26 Oct 2026

A diversidade paisaxística e cultural do planeta protagonizará a nova exposición ao aire libre que chegará este venres, 30 de outubro, á contorna do Cuartel de San Fernando de Lugo. Baixo o título 'Cores do mundo', a proposta reúne 42 fotografías que convidan a descubrir diferentes recunchos da Terra e achegarse ás súas tradicións e formas de vida. A iniciativa está promovida pola Fundación ”la Caixa” en colaboración co Concello de Lugo e permanecerá aberta ata o 11 de decembro.

A mostra parte da idea de que, fronte aos tons grises e metalizados habituais na contorna urbana, o planeta ofrece unha extraordinaria variedade de cores. A través de imaxes tomadas en lugares tan diversos como Nova Guinea, Chile, a India ou a República do Congo, os visitantes poderán percorrer paisaxes e culturas de distintos puntos do mundo sen saír da cidade.

As instantáneas, realizadas por recoñecidos fotógrafos de National Geographic como Brian J. Kerry, Steve Winter, Jodi Cobb, Bruce Dale, Michael Nichols e Joel Sartore, poñen o foco na capacidade das cores para transmitir emocións e significados. Os azuis agrisados, os vermellos intensos e os verdes máis vivos serven como punto de partida para reflexionar sobre as súas calidades e o seu simbolismo ao longo da historia.

A exposición enmárcase no programa 'Arte na rúa' da Fundación ”la Caixa”, que busca achegar a creación artística á cidadanía fóra dos espazos expositivos convencionais. Con este formato, as rúas convértense nun museo ao aire libre e permiten gozar de propostas culturais en contacto directo coa contorna urbana.

0.15996289253235