Cruz Vermella achega ao HULA as dificultades que afrontan as persoas tras sufrir un ictus

LugoXa | TerraChaXa
O persoal do Centro de Parálise Cerebral e Dano Cerebral de Castro Ribeiras de Lea empregou un traxe simulador para concienciar sobre as secuelas deste accidente cerebrovascular
Cruz-Vermella-Castro-no-HULA
30 Oct 2026

O persoal do Centro de Parálise Cerebral e Dano Cerebral de Cruz Vermella en Castro Ribeiras de Lea, en Lugo, desprazouse ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) con motivo do Día Mundial do Ictus para desenvolver unha acción de sensibilización dirixida a achegar á cidadanía a realidade das persoas que sufriron este accidente cerebrovascular e as consecuencias que pode ter.

Durante a actividade, o equipo empregou un traxe simulador que permite experimentar de maneira aproximada algunhas das dificultades que poden aparecer tras un ictus. Entre elas figuran as alteracións visuais, como a hemianopsia, así como os problemas de mobilidade e as dificultades para camiñar.

A iniciativa busca favorecer unha maior comprensión das secuelas que pode deixar o ictus e do seu impacto na autonomía persoal e nas actividades cotiás. A través desta experiencia práctica, Cruz Vermella pretende fomentar a empatía cara ás persoas afectadas e concienciar sobre a importancia da rehabilitación e dos apoios necesarios para mellorar a súa calidade de vida.

O ictus constitúe un importante problema de saúde e pode provocar secuelas físicas, cognitivas e sensoriais que requiren atención especializada e, en moitos casos, procesos de rehabilitación prolongados. Neste contexto, a información e a sensibilización social son fundamentais para comprender mellor esta realidade e avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva.

Con esta acción no HULA, Cruz Vermella reafirma o seu compromiso coa atención ás persoas con dano cerebral, a promoción da súa autonomía e a divulgación das dificultades ás que se enfrontan no seu día a día.

0.15033912658691