Curso sobre aplicacións informáticas para a xestión da PAC en Castroverde
Castroverde acolle un curso sobre aplicacións informáticas para a xestión da PAC. A acción formativa ten previsto desenvolverse o vindeiro luns 23 no salón de actos do CPI de Castroverde ao longo dunha xornada en horario de 15.45 a 20.45 horas.
O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Ao longo das cinco horas de duración desta acción formativa, instruirase aos alumnos na actualidade sobre a xestión da PAC e a súa condicionalidade, ademais da presentación das aplicacións informáticas relacionadas coa materia. Deste xeito, ensinarase o funcionamento das apps Sga@pp, Sgafot, InfoPAC, consultas PAC (que se encontra na web do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga-) e xestión información Sixpac.
Con esta programación, o obxectivo principal do curso é facer chegar aos titulares de explotacións agrarias a información precisa para que poidan anticiparse aos cambios tecnolóxicos que se precisan para xestionar as parcelas suxeitas ás axudas PAC, a súa condicionalidade e a subida de datos ás plataformas de xestión mediante apps específicas.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico jose.rocha.grande@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 982 294 936 para máis información.
Desta maneira, apóstase pola continua profesionalización do sector mediante cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Así, preténdese mellorar a produtividade, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional co fin de consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.
Cabe engadir que os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.