Dano Cerebral Lugo reivindica unha atención integral e accesible no seu 20 aniversario

Dano Cerebral Lugo reuniu na Praza Maior persoas afectadas por dano cerebral adquirido (DCA), familiares e representantes institucionais para dar lectura ao manifesto con motivo do seu día nacional. A iniciativa busca sensibilizar á sociedade sobre as necesidades deste colectivo e reclamar unha atención integral, inclusiva e accesible.
Desde a entidade destacaron a importancia de dar a coñecer o dano cerebral adquirido e lembrar que detrás desta realidade hai numerosas persoas e familias. O obxectivo, sinalaron, é que se comprenda mellor a súa situación e que as persoas con DCA teñan "o lugar que merecen na sociedade". A asociación tamén agradeceu a presenza de todas as persoas que se achegaron á convocatoria e o apoio recibido para dar voz a esta causa.
No acto participou a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, xunto con representantes municipais, entre eles o portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, acompañado polas concelleiras Maite Ferreiro e Cristina López.
Arroxo trasladou a disposición da formación nacionalista a "seguir mantendo o contacto co tecido asociativo de Lugo e coñecer de primeira man as necesidades que teñan". O portavoz tamén destacou a importancia do labor de Dano Cerebral Lugo para "mellorar a saúde das persoas afectadas polo dano cerebral".
A xornada tivo un significado especial ao coincidir co vixésimo aniversario da entidade, que desenvolve o seu labor desde 2006. Durante estas dúas décadas, Dano Cerebral Lugo traballou no apoio ás persoas afectadas e ás súas familias, así como na defensa dos seus dereitos e na mellora da súa calidade de vida.