De Ninghures pechará as Festas do Santiago de Castroverde cun concerto o domingo

LugoXa
A actuación, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, completarase con propostas infantís e música tradicional ao longo da programación festiva
De-Ninghures-cartel-Festas-Castroverde-26
23 Jul 2026

O grupo De Ninghures actuará este domingo, 26 de xullo, na Praza do Concello de Castroverde dentro da programación musical impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar a música tradicional e en galego a todos os públicos. O concerto, previsto para as 21.30 horas, servirá como peche das Festas do Santiago.

A banda, con raíces na Fonsagrada, consolidouse como unha das formacións de referencia da música galega actual grazas a unha proposta que revisita a tradición a través da combinación de instrumentos populares con influencias e ritmos contemporáneos.

A deputada de Cultura, Iria Castro, explicou que esta actuación contribúe a ampliar e diversificar a oferta musical das festas e, ao mesmo tempo, permite achegar a música en galego inspirada na tradición a públicos de todas as idades, máis alá dos grandes festivais ou dos principais eventos culturais.

Neste sentido, destacou a importancia de que a cidadanía participe do momento creativo que vive a música tradicional galega da man de grupos como De Ninghures, lembrando ademais a vinculación da formación coa comarca da Fonsagrada.

A programación das Festas do Santiago contará tamén con outras actividades apoiadas pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, entre elas o espectáculo infantil Cé Orquestra Pantasma, as actuacións itinerantes da Mekanika Rolling Band e a música tradicional de Asubíos da Chaira, configurando unha oferta cultural dirixida a públicos de todas as idades.

0.11068105697632