Controlado o incendio forestal de Penarrubia, na parroquia de Orbazai

O incendio forestal de Penarrubia, na parroquia de Orbazai, quedou controlado arredor das 14.30 horas despois de ser detectado ás 13.01 horas deste xoves, 13 de agosto. As lapas calcinaron pouco máis dunha hectárea.
Segundo a información facilitada pola Consellería do Medio Rural, no dispositivo de extinción están a traballar dous helicópteros, dous avións, tres brigadas e dúas motobombas, aos que poderían sumarse máis medios en función da evolución do lume.
Pola súa banda, o Concello de Lugo informou de que os servizos municipais permanecen preparados para colaborar e poñer á disposición do operativo os recursos que sexan necesarios no caso de que a situación o requira.
As autoridades solicitaron á cidadanía que evite achegarse á zona afectada para non interferir nos labores de extinción e emerxencia, ao tempo que pediron máxima colaboración para facilitar o traballo dos efectivos despregados sobre o terreo.
Polo momento non transcenderon datos sobre a superficie afectada nin sobre as posibles causas da orixe do incendio.