Dende cociñar coma un mercenario ata aprender a moer coma un romano: as novidades do Arde Lucus

LugoXa
Mercenarios Galaicos achega á cidade un campamento itinerante, mentres que Cohors III Lucensium aposta por unha demostración cun muíño pompeiano
arde_cohors_lucensium
Desfile da asociación Cohors III Lucensium
9 Xuño 2024

Lucía Blanco

Cada ano a cidade rememora o esplendor do Imperio con propostas máis que consolidados como o circo, os desfiles, as batallas entre castrexos e romanos, o Macellum, os rituais de fertilidade, as clásicas vodas celtas e romanas e novidades como os obradoiros para achegar a panadería romana ata os nosos días ou ser testemuño da rutina dos castrexos durante as súas campañas de loita. Todas elas conforman unha variedade de propostas coas que o Concello e o tecido asociativo tratan de implicar a todas as idades e lograr así o relevo xeracional para que a cita siga medrando.

Mercenarios Galaicos, que levan traballando dende o 2013, achegarán de novo como era a vida destes guerreiros, aínda que decidiron darlle unha volta. “Este ano demos un cambio ao interior do campamento. Queríamos recrear o que sería un campamento itinerante durante algunha das campañas dos mercenarios lonxe da nosa terra”, conta Richard, o tesoureiro. Centraranse na rutina e no seu día a día durante as campañas, dende a cociña ata a fabricación de armas na forxa ou o traballo ca madeira.

Por sexto ano consecutivo, o colectivo presentou a moeda oficial castrexa da cita coa que resaltan a figura destes loitadores que, dende a península, desprazáronse á Galia para combater aos romanos xunto aos celtas Parisii. Para esta convocatoria poñen en circulación 1.000 exemplares da peza, que mide 24 mm de diámetro, 1.5 mm de grosor e pesa 15 gramos, e que se poderá adquirir nos establecementos colaboradores e no propio campamento da asociación na Horta do Seminario.

Pero ademais do seu poder militar, os castrexos foron grandes menciñeiros. Elaboraban remedios para curar a persoas e animais, empregando herbas e materias naturais, unha tradición que o grupo dará a coñecer. “Está entre as nosas novidades, eles aproveitaban todo o poder das plantas para facer remedios, que tan ben nos viña nas nosas loitas cos romanos, para todo tipo de enfermidades e feridas”.

A panadería romana

Os lexionarios de Cohors III Lucensium non se perden unha edición dende o 2007. “Temos bastante experiencia. A verdade é que levamos moitos anos traballando de reo para tratar de facer algo diferente aínda que costa”, conta Miguel Alvelo, o presidente. O seu reto: superarse en cada convocatoria e impregnar do espírito romano a festa. Este Arde Lucus impulsan unha actividade sobre a panadería romana para traer á actualidade as técnicas dunha profesión que tivo gran protagonismo no Imperio e que se herdaba de pais a fillos. “A maiores do campamento e dos actos militares, queremos facer unha demostración cun muíño pompeiano que temos para cambiar un pouco. Montaremos no lateral do Concello”.

Os esforzos concentraranse en poucos días para ver os resultados dunha dedicación constante. “Creo que todas as asociacións estamos traballando practicamente case todo o ano, porque ademais non é só o Arde Lucus, nós tamén nos movemos fóra”. Xunto coas citas en Friol e Cambre, viaxarán ata Portugal e Moldavia, aínda que ningunha das celebracións lle fai sombra á de Lugo. “Non me canso de dicilo aquí a xente é moi participativa e implícase moito, que ao final é o máis satisfactorio. Cando imos fóra, vemos que hai movemento e que se fan espectáculos que están moi ben pero tanta participación coma en Lugo non encontras”, asegura Alvelo.

Xunto con Clan de Breogán, Tir Na n'Og, Ara Roma, Asamblearias Lucus Augusti, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Guardia Pretoriana, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Lugdunum, Pax Romana Lucus, Salesiani Luci Augusti, Senatus Lucus Augusti, Terra Copora, Trebas Galaicas e Vestales Lucus Augusti compoñen o tecido asociativo grazas ao que en cada edición se rememora a fundación da cidade, se reconstrúe a convivencia entre romanos e castrexos e se achega un pasado que sigue máis vivo que nunca.

 

 

0.19882011413574