A Deputación de Lugo inviste nunha cociña comunitaria na Ribeira de Piquín e mellora eléctrica no Ceao

LugoXa
A institución provincial aproba dúas novas actuacións: a posta en marcha dunha cociña comunitaria no Centro de Día da residencia municipal e a reforma do sistema eléctrico das instalacións do Parque Móbil
Pilar Garcia Porto
4 Sep 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, na reunión semanal celebrada no Pazo de San Marcos, aprobou unha serie de investimentos que inclúen actuacións tanto no concello de Ribeira de Piquín coma nas instalacións do Parque Móbil provincial, situadas no polígono do Ceao.

Entre os acordos adoptados figura a colaboración co Concello da Ribeira de Piquín para financiar a instalación e posta en marcha dunha cociña comunitaria no Centro de Día da residencia municipal, situada no Chao do Pousadoiro. O proxecto conta cun orzamento superior aos 100.000 euros, dos cales a Deputación achegará 55.000 euros.

Esta nova infraestrutura concíbese como un espazo de interese público orientado a favorecer a dinamización económica, social e comunitaria do municipio. Entre os seus obxectivos inclúense facilitar novas oportunidades para o emprendemento, poñer en valor os produtos de proximidade, e contribuír á conservación e difusión da gastronomía e dos recursos propios do territorio. Sinalouse ademais que este tipo de iniciativas cobran especial relevancia nos concellos máis pequenos, onde a xeración de novas oportunidades pode axudar a que os seus veciños e veciñas poidan emprender, traballar e desenvolver o seu proxecto de vida sen saír do rural.

Doutra banda, tamén se aprobou a licitación das obras para renovar a instalación eléctrica das dependencias do Parque Móbil, no Ceao. Esta actuación conta cun orzamento de licitación superior aos 105.000 euros e responde ao incremento do uso rexistrado nestas instalacións nos últimos anos, así como á incorporación de novos servizos e equipamentos. Na actualidade, o Parque Móbil alberga, entre outros elementos, o Servizo de Audiovisuais e puntos de recarga para vehículos eléctricos, o que fai necesario reorganizar e actualizar o sistema eléctrico para garantir un funcionamento seguro e eficiente acorde ás necesidades actuais.

0.16018295288086