Deputación e Concello inician a renovación da avenida Adolfo Suárez como acceso clave a Lugo

LugoXa
A actuación mellorará a conexión coa futura intermodal e coa A-6 nun proxecto dividido en dúas fases
Arrancan-as-obras-en-Adolfo-Suárez-Lugo
6 May 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o alcalde da cidade, Miguel Fernández Méndez, supervisaron o inicio das obras de renovación da avenida Adolfo Suárez, unha intervención que cualificaron como estratéxica ao tratarse dun dos principais accesos á cidade, especialmente en relación coa futura estación intermodal.

Segundo destacou López, esta actuación permitirá transformar a imaxe dun dos accesos máis relevantes á capital lucense pola zona da Fervedoria, reforzando ao mesmo tempo as conexións coa autovía A-6. A responsable provincial subliñou que se trata dun novo paso na mellora das entradas á cidade, seguindo a liña de actuación xa desenvolvida na avenida Infanta Elena, e incidiu na necesidade de que Lugo conte con infraestruturas á altura doutras cidades galegas. “Trátase dunha actuación estratéxica que transformará a imaxe dun dos principais accesos”, afirmou.

A presidenta tamén puxo en valor o compromiso da Deputación coa cidade, lembrando outros investimentos recentes como o desdobramento da avenida Infanta Elena, cun orzamento de 2,4 millóns de euros, a mellora da vía LU-P-2902 cara a Ponte de Ombreiro, con 210.000 euros, ou as obras iniciadas na rúa Filarmónica.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu a colaboración institucional e destacou o impacto que terá esta intervención na mobilidade e na configuración urbana. “Lugo gaña unha nova imaxe nas comunicacións dos seus principais accesos de entrada e saída á cidade”, sinalou, ao tempo que incidiu en que esta vía resulta fundamental para conectar zonas como os polígonos industriais, o HULA, os barrios do Sagrado Corazón e As Gándaras, así como a intermodal e a A-6.

Fernández Méndez tamén subliñou que as obras permitirán superar un illamento histórico entre estas áreas e o centro urbano, favorecendo unha cidade máis integrada e accesible. Ademais, criticou a falta de avances noutros proxectos competencia da Xunta, como a rúa Serra de Meira, que, segundo indicou, leva máis de dúas décadas pendente de melloras.

O proxecto desenvolverase en dúas fases. A primeira delas abrangue o treito comprendido entre a glorieta coa rúa Serra de Meira e Montero Ríos e o final do solo urbano, cun investimento superior aos 200.000 euros. Os traballos comezaron coa inspección da rede de saneamento mediante videocámara para avaliar a súa posible substitución e continuarán coa mellora do pavimento mediante fresado e repavimentación con aglomerado en quente.

A segunda fase, segundo avanzaron, permitirá completar a actuación coa creación de beirarrúas e a adecuación do trazado, co obxectivo de mellorar a seguridade e a accesibilidade neste acceso, o último pendente de renovación na cidade.

0.11979603767395