Arrancan as expropiacións para a obra da estrada que comunica Palas e Friol coa LU-231

Os alcaldes de Palas de Rei, Pablo Taboada, e de Friol, José Ángel Santos, valoraron positivamente o inicio do proceso de expropiación dos terreos necesarios para executar a segunda fase da estrada que conecta ambos municipios coa LU-231.
Os rexedores subliñan a importancia desta actuación para reforzar a vertebración do rural da provincia de Lugo e mellorar as conexións entre as principais infraestruturas viarias.
Segundo destacan, a posta en marcha deste proxecto permitirá configurar, xunto coa estrada provincial LUP-1611, un corredor de mobilidade en dirección norte-sur con condicións axeitadas entre a autovía A-54, ao seu paso por Palas de Rei, e a A-6 en Begonte, nun punto próximo á conexión coa A-8.
Tanto Taboada como Santos consideran que esta mellora das comunicacións terá un impacto positivo no desenvolvemento económico da zona, favorecendo unha maior competitividade das actividades vinculadas ao sector primario e ao tecido industrial presente nesta área da provincia.