Diego Torres Iglesias vén de ser nomeado director do Museo do Castro de Viladonga

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
O novo xestor, que viña desenvolvendo a súa actividade profesional no propio Museo do Castro de Viladonga, conta cunha ampla experiencia no eido da arqueoloxía
castro-de-viladonga
7 May 2026

A Xunta de Galicia nomea director do Museo do Castro de Viladonga a Diego Torres Iglesias despois da xubilación no mes de abril de Elena Varela Arias, que ocupaba o cargo desde o ano 2010. Trátase dunha praza que foi cuberta a través dunha convocatoria en comisión de servizos, un procedemento previsto na normativa de emprego público.

Diego Torres Iglesias é licenciado en Historia con especialidades en Prehistoria, Arqueoloxía, Historia Antiga e Medieval e cursou un Máster universitario en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural e un Máster interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade. Ademais, realizou varios posgraos, entre os que se atopan o de Tecnoloxías dixitais de documentación xeométrica e representación do patrimonio e Tecnoloxías de información xeográfica en arqueoloxía.

Así, o novo director, que viña desenvolvendo a súa actividade profesional no propio Museo do Castro de Viladonga, conta cunha ampla experiencia no eido da arqueoloxía. Neste senso, o centro busca abrir unha nova etapa, derivada das perspectivas de ampliación dos espazos do castro que representan unha oportunidade única para continuar o proceso de investigación histórica, ademais de enriquecer os fondos da colección ao servizo da sociedade.

Cómpre lembrar que o Museo do Castro de Viladonga, que forma parte da rede de Museos de Galicia xestionada pola Xunta, xorde debido á importancia arqueolóxica e o interese histórico do castro anexo, así como a cantidade e calidade dos materiais aparecidos nas escavacións feitas desde 1972 e a necesidade de investigalos e poñelos en valor no seu propio contexto. Este centro recibiu o Premio Cultura Galega 2013 de Patrimonio Cultural como recoñecemento ao seu labor constante de conservación e difusión do patrimonio arqueolóxico, así como pola súa actividade didáctica e dinamizadora deste xacemento.

0.099261999130249